Educación

Aberta a matrícula para os cursos de idiomas en verán

O centro de linguas da UVvigo oferta ata cinco idiomas, con modalidades presenciais e virtuais e diversos niveis

 O Centro de Linguas da UVigo ofrece, como cada verán, unha completa oferta formativa para a comunidade universitaria e para a cidadanía en xeral. Poderán elixir entre cursos de alemán, inglés, italiano, portugués e español como lingua estranxeira. A formación na maior parte dos casos serán en modalidade virtual, con algunhas excepcións en formato semipresencial. O prazo de matrícula para todos estes cursos está aberto ata o 6 de xuño.

Alemán

O curso intensivo de alemán terá lugar entre o 14 de xuño e o 16 de xullo e desenvolverase en liña. Trátase dunha formación pensada para persoas que queren iniciarse na aprendizaxe do alemán. As clases impartiranse a través do Campus Remoto. O prezo deste curso varía entre os 235 euros para a comunidade universitaria, os 150 euros para as persoas que forman parte do programa Erasmus e os 285 para o público en xeral.

Inglés

O inglés é o idioma con maior oferta formativa para este verán. En modalidade semipresencial impartiranse cursos do nivel B1 e B2, ambos entre o 14 de xuño e o 16 de xullo. Nos dous casos haberá clases presenciais de luns a xoves, ata un total de 43 horas, así como traballo autónomo a través da plataforma Moovi de 37 horas. Os exames finais, que serán presenciais, serán o 16 de xullo. Os prezos varían entre os 320 euros para a comunidade universitaria, os 200 e 392 para o público en xeral. Tamén se ofertan cursos de inglés en modalidade totalmente virtual.

Italiano

O Centro de Linguas ofertará un curso intensivo de italiano, tamén entre o 14 xuño e o 16 xullo en modalidade virtual. Trátase dunha actividade para persoas que queren iniciarse na aprendizaxe do italiano. As clases impartiranse a través de Campus Remoto. As tarifas son as mesmas que para o intensivo de alemán.

Portugués

A formación en portugués será virtual. En total ofértanse catro cursos, dous para o nivel A2 (do 31 de maio ao 11 de xuño e do 30 de xuño ao 13 de xullo) e outros dous para B1 (do 14 de xuño ao 28 de xuño e do 14 ao 28 de xullo).

Cultura española

Á oferta de idiomas estranxeiros hai que sumar o curso de lingua e cultura española. A docencia arrancará o 31 de maio e comprenderá sete semanas de actividades 100% presenciais. 

Te puede interesar