A aposta pola igualdade sitúa á UVigo na vangarda española

O reitor Manuel Reigosa e a presidenta da Deputación Carmela Silva (esquerda), unha actividade feminista na UVigo.
photo_camera O reitor Manuel Reigosa e a presidenta da Deputación Carmela Silva (esquerda), unha actividade feminista na UVigo.

A institución puxo en marcha o acceso gratuíto a produtos de hixiene feminina, a salas de lactación e medidas para paliar os paróns na carreira das investigadoras pola brecha de coidados 

Cada 8 de marzo a reivindicación dunha igualdade real e efectiva para as mulleres inunda o mundo, evidenciando, máis aló do recoñecemento dos avances acadados, a falta de equiparación cos homes en dereitos e obrigas.

Os avances no camiño da igualdade total, así como no do recoñecemento das necesidades específicas da poboación feminina, non sempre se producen coa axilidade desexada pola metade da poboación mundial, maioritaria nas universidades, aínda que con dispar representación xeográfica e por sectores nas institucións de educación superior.

Na Universidade de Vigo, o período comprendido entre os anos 2018 e 2022 caracterizouse por importantes avances en materia de igualdade que, mesmo nalgúns casos, situaron a institución académica viguesa á vangarda das universidades españolas.

Así, en marzo de 2021, a UVigo convertíase na primeira universidade de España na que as mulleres podían acceder de xeito gratuíto e universal a produtos de hixiene feminina, nos que se calcula que unha muller pode gastar ata 6.000 euros ao longo da súa vida e que, ademais no caso de España, están gravados cun 10% de IVE e non co 4% aplicado aos bens considerados de primeira necesidade.

“Esta medida é un exemplo real do compromiso deste equipo de goberno por facer unha universidade máis igualitaria e xusta, máis nun contexto de crise derivado da pandemia que afecta principalmente o empobrecemento das mulleres e que, como no caso de Francia ou de Escocia, pretende loitar contra a chamada pobreza menstrual”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo.

Logo de que durante un ano fose nas delegacións de alumnado dos centros dos tres campus onde as mulleres podían recoller as compresas e os tampóns que precisasen, a partir de abril accederán a eles a través de dispensadores instalados nas 23 escolas e facultades da UVigo. Os dispensadores, deseñados e desenvolvidos especificamente para a Universidade de Vigo, funcionarán  mediante a lectura dos códigos de barras da tarxeta universitaria, na que se asignará unha cantidade determinada de produtos de hixiene feminina a cada persoa.

Te puede interesar