Arqueólogos do Campus loitan por crear un destino rupestre

Asistentes á primeira xornada do grupo de investigación de Arqueoloxía, onte no Campus.
photo_camera Asistentes á primeira xornada do grupo de investigación de Arqueoloxía, onte no Campus.

O grupo de investigación de arqueoloxía celebra dez anos de actividade en Galicia e no estranxeiro

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo consolida o traballo dunha década. Os 34 investigadores das áreas de xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga celebraron o seu aniversario cun congreso que da visibilidade as súas actuacións. O “GEAAT” é un dos grupos máis activos do Campus. A arqueoloxía vive unha revolución na provincia, con un de cada catro concellos impulsando excavacións na actualidade. Estes expertos explicarán durante unhas xornadas os seus proxectos: Armea, Adro Vello, Ons e Astariz son algúns dos máis importantes. Pero tamén se expanden ao exterior: traballan en Melka Kunture (Etiopía) ou Loco (Perú) e teñen actividade no grupo Démeter sobre mulleres da Antigüidade. 

“Levamos unha traxectoria longa de investigación na comarca de Monterrei e unha das nosas propostas é valorar, tendo en conta todo o potencial rupestre que ten este territorio, con todos os vínculos, con todos os axentes locais que están traballando nel, se sería posible prantexar a proposta de xerar un destino rupestre nesa área suroriental de Galicia”, comentou Beatriz Comendador, unha das investigadoras. O grupo celebra ata mañá a segunda edición das xornadas que destacan a “valorización do patrimonio natural e cultural da contorna”.

Esther de Blas, vicerreitora do Campus, subliña que a actividade destes investigadores “está moi ben orientada no contexto actual e no contexto da nosa provincia”. Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou que este grupo “partiu da nada e hoxe realmente ten un nome, ten un nome na Universidade, ten un nome na sociedade e ten un nome na contorna. E iso conséguese a base de traballo”. 

Visión de futuro

Comendador engadiu que “estes anos foron anos de expansión e crecemento do grupo en eidos moi diversos, como o de transferencia do coñecemento, o contacto directo coa sociedade”. Sobre as liñas de futuro, explicou que “a nosa idea agora é optar á consolidación xa definitiva do grupo e seguir coas liñas de traballo que estamos desenvolvendo”. Nestas liñas, Beatriz Comendador subliñou como “un eixe moi importante é estar o máximo posible en colaboración e cocreación de coñecemento con todo o tecido das comarcas, dos territorios, onde traballamos”. 

Así puxo como exemplo o traballo de transferencia do proxecto arqueolóxico desenvolvido na última década en Armea, Allariz, ou o realizado coa comunidade na comarca de Monterrei, ademais dos múltiples convenios subscritos con concellos, especialmente da provincia de Ourense, para levar a cabo proxectos relacionados co patrimonio.

Te puede interesar