O Campus analiza nun curso o Pacto Verde Europeo

Laura Movilla, coordinadora da actividade, no Campus. (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera Laura Movilla, coordinadora da actividade, no Campus. (XESÚS FARIÑAS)

Esta iniciativa celebra a súa primeira edición

O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019 representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a Unión Europea nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non haxa emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Precisamente, co obxectivo de achegar esta estratexia de futuro ao alumnado universitario, a Facultade de Dereito do campus de Oruense acollerá do 18 de marzo ao 27 de maio o “Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas”.

A iniciativa, que celebra a súa primeira edición, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris, e forma parte das accións do Módulo Jean Monnet. Concretamente, o curso agora lanzado, do que se celebrarán tres edicións, esta primeira e dúas máis nos dous vindeiros anos, constituirá a actividade formativa principal ofrecida polo módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico.

Tanto o módulo como o curso, explica Laura Movilla, “comparten os mesmos obxectivos de dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco do Pacto Verde Europeo e as súas principais estratexias temáticas”. Esta estratexia da UE, indican desde a organización da actividade, pretende protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE, e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e dos impactos relacionados co medio ambiente. 

Te puede interesar