Nova edición do concurso do Día da muller na ciencia

Un grupo de investigadoras e investigadores do Campus de Ourense.
photo_camera Un grupo de investigadoras e investigadores do Campus de Ourense.
O prazo de presentación para o certame de creación artística remata o 20 de xaneiro de 2021

Co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense unen cada ano as súas forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar a presenza da muller na I+D+i. No marco destas iniciativas, veñen de convocar a quinta edición do concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2021.

Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade, e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Esta iniciativa únese a outras organizadas desde estes centros coas que se quere contribuír a contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos da ciencia, a enxeñaría e a tecnoloxía e fomentar as vocacións científicas entre as novas xeracións desde unha perspectiva de xénero.

Pode participar neste concurso o alumnado de Primaria e ESO matriculado en calquera centro educativo da provincia. O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A peza presentada deberá ser unha obra inédita e orixinal. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a ordenador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal, indicando desde a organización que non pode ser un resumo do que xa está escrito na web. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa.

Os traballos deberán tratar sobre a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia con temas como: "Que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras?", "Anímaste a debuxar unha científica?", "Inventoras e os seus inventos", entre moitas outras. A temática ten que tratar sobre mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC.

Te puede interesar