O Campus de Ourense e os dous restantes da UVigo xa dispoñen de tampóns e compresas gratis para as mulleres da comunidade universitaria, convertíndose na primeira institución académica en desenvolver esta idea. A maior parte das delegacións de alumnado das facultades e escolas dos tres campus dispoñen xa de compresas e tampóns para as mulleres que o precisen poidan acceder a elas de xeito gratuíto. A idea, indican dende a UVigo, é que nun prazo breve de tempo, se acceda a estes produtos de hixiene a través de dispensadores que se colocarán nos baños.
A directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez subliña "a proactividade da UVigo á hora de acabar coas dinámicas sociais que historicamente excluíron e infravaloraron ás mulleres e as súas necesidades específicas". Neste senso, aplaude o "activismo menstrual".
Adriana González, alumna do segundo curso de Enxeñaría Biomédica e membro da Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñería Industrial, non dubida en afirmar que se trata dunha iniciativa que "nace dunha necesidade tanto do alumnado, como do PDI e do PAS de poder acceder a uns produtos que son básicos para calquera muller". A iniciativa xurdiu a raiz do Día da Muller, o pasado 8 de marzo.