MEDIO AMBIENTE

A bandeira verde xa ondea no campus de Pontevedra

Convértese no primeiro de España en obter esta distinción polo seu traballo a prol do medio ambiente.

“Ser o primeiro campus con este distintivo é unha honra, pero ao mesmo tempo é tamén unha responsabilidade”, recoñeceu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, minutos antes do izado da bandeira verde que converte a Pontevedra no primeiro campus de España en obter a distinción que a FEE (Foundation for Environmental Education), outorga a través da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac).

Pechábase así, co despregue do estandarte que xa ondea na rotonda central do campus, un “proceso intenso e complexo” no marco do proxecto Green Campus, co que a FEE recoñece o labor realizado en materia de xestión e educación ambiental de campus e facultades de todo o mundo. Mais ao mesmo tempo, como engadiu o reitor, o acto supuña tamén o inicio dunha nova etapa, “na que traballar para conservar e dignificar esta bandeira”.

Xunto coa Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo converteuse na primeira institución académica española recoñecida polo programa Green Campus, impulsado polo mesmo organismo que outorga as bandeiras azuis ás praias. Un dos seus fundadores, José Ramón Sánchez, presidente da Adeac, acompañou a Mato e ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun acto que tamén contou coa participación do director xeral da Plataforma Europea da Reciclaxe (ERP), Matías Rodrígues.n

Te puede interesar
Más en Universitas