UNIVERSITAS

Benposta, unha utopía pedagóxica e social

gal1_result
photo_camera Imaxe do circo de Benposta, achegada por María de los Ángeles Llorente.

Llorente afondou na súa tese de doutoramento o proxecto do Padre Silva

No ano 2000 Benposta pechou as súas portas e con elas os soños dun modelo pedagóxico e social. O proxecto do Padre Silva rematou con acusacións de malversación de fondos e especulación inmobiliaria e a morte do seu fundador. Foi un final difícil que relegou ao esquecemento o traballo desenvolvido durante case cinco décadas na Ciudad de los Muchachos e que sementou moitas dúbidas sobre a súa verdadeira historia e valía.

Na súa tese de doutoramento, a docente xa xubilada María de los Ángeles Llorente quixo sacar á luz e analizar desde un punto de vista sistemático e científico os logros educativos e sociais desta comunidade. Benposta, sinala a xa doutora pola Universidade de Vigo, merecía “un final digno e de gratitude por un labor formativo de tantos mozos, que supliu nun momento concreto as carencias dun estado e dun país en situación de precariedade educativa”.

A tese, titulada Benposta, 50 anos de utopía pedagóxica e social, estivo dirixida polo docente Xosé Manuel Cid e foi presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Nela realízase unha minuciosa análise da historia de Benposta, do seu alumnado, dos seus estudos, da súa proxección internacional, do seu proxecto pedagóxico e da súa significación histórica. A investigación comezou en 1997, en contacto co propio Padre Silva, e baseou os seus resultados nun extenso traballo de recompilación de material desta comunidade; en entrevistas a docentes, alumnado e ao Padre Silva; na recollida de información de fontes orais e na observación participante.

Te puede interesar
Más en Universitas