UNIVERSITAS

CCSS e da Comunicación prepara as agardadas eleccións do 27 de abril

gal1-2-_result
photo_camera Nerea Salgado, Marta García, Tamara García, Andrea Ramil e María Castillo, as candidatas destas eleccións ficticias.

O alumnado crea catro partidos ficticios para uns comicios que decidirán parte da súa nota na materia impartida polo profesor Xosé Rúas

Desde hai xa máis dunha década, o mes de abril vén marcado en Ciencias Sociais e da Comunicación por unha intensa actividade electoral. No marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, o profesor Xosé Rúas propón ao alumnado de Publicidade e Relacións Públicas poñer en marcha un proceso electoral no que unha votación, aberta a alumnado, PAS e profesorado do centro, decidirá quen levará a mellor nota na parte práctica da materia. Un proceso no que non faltan nin as primarias, nin os mitins ou os debates, nin tampouco a pegada de carteis coa que tradicionalmente se pon inicio a un período electoral. As candidatas de Ohama, De-Mente, La Bombilla e 1984 presentaron os seus proxectos políticos, que teñen como eixos impulsar a unión e a creatividade no centro ou mesmo chamar á revolución.

Como un “xogo de rol” no que os estudantes teñen que poñer en práctica o que previamente aprenderon nas aulas sobre estratexias electorais presenta Rúas unha actividade na que o alumnado se xoga dous puntos da parte práctica da materia e na que os estudantes xa viñeron traballando, divididos en diferentes grupos, nas semanas previas a esta pegada de carteis.

Ademais, a vindeira semana celebrarase o debate entre candidatas, os diferentes partidos poderán realizar nas próximas semanas aquelas accións que consideren para captar o voto de estudantes, PAS e PDI de cara a unhas votacións do día 27 e nas que, por primeira vez, non poderán participar os propios estudantes protagonistas.

Te puede interesar
Más en Universitas