UNIVERSITAS

O Centro de Linguas amplía a oferta de cursos de Español para Estranxeiros

gal1-4-_result
photo_camera Cartaz desta edición de Aqualingua.

A principal novidade é Aqualingua, que combina docencia con práctica de deportes náuticos

Practicar surf, windsurf e vela, ao tempo que se aprende lingua e cultura española, é a novidade que incorpora o Centro de Linguas con Aqualingua, a proposta que estrea este verán na súa oferta de cursos intensivos de Español para Estranxeiros. Esta alternativa, que se desenvolverá desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo, concibiuse como un xeito saudable para que o alumnado doutros países mellore o idioma e descubra o mar e a natureza da contorna viguesa. A idea de combinar os deportes náuticos coa aprendizaxe lingüística e cultural xurdiu, como explica a directora da Área de Linguas, Esperanza Rama, “polo desexo que se tiña desde o Centro de Linguas de completar a programación de español con cursos atractivos e interesantes”.
Aqualingua é unha modalidade que se suma a outros seis cursos intensivos de Español para Estranxeiros, que teñen unha duración de dúas, catro ou seis semanas, comezando o primeiro deles o 15 de xuño e o último o 13 de xullo. Deste xeito, as persoas interesadas en estudar español no verán poderán escoller entre a nova proposta de Aqualingua ou calquera dos outros cursos, cuxa duración varía entre as 40 e as 120 horas.
Os diferentes programas formativos, para os que a matrícula xa está aberta, inclúen clases de lingua e cultura española polas mañás e, xa polas tardes, outro tipo de actividades de carácter máis lúdico. No caso de Aqualingua, os participantes practicarán oito horas de surf, catro de windsurf e seis de vela polas tardes, e ademais, a formación do alumnado de todos os cursos completarase con diferentes visitas guiadas de carácter didáctico, entre as que se atopan unha da cidade de Vigo, ir a un castro, a ruínas da época romana e a museos como o de arte contemporánea ou o do mar. A maiores, aquelas persoas que aínda desexen ampliar os seus coñecementos sobre a cultura española en xeral e a galega en particular, “terán a posibilidade de participar en obradoiros e excursións opcionais como, por exemplo, visitar unha batea ou unha adega de viño”, subliña Esperanza Rama.


O perfil de participantes nos cursos intensivos de verán é variado, abranguendo dende alumnado doutros países que vén expresamente para cursalos, ata au pairs que deciden facelos como complemento á súa inmersión lingüística ou estranxeiros que teñen algunha amizade na cidade e que aproveitan o verán para facerlle unha visita e, de paso, estudar español, como explica a directora da Área de Linguas. Esperanza Rama engade que a idea de ampliar a oferta do Centro de Linguas co Aqualingua tivo a súa orixe, en parte, no coñecemento que nel teñen de que “o surf, o windsurf e a vela son os deportes que resultan máis atractivos ao alumnado Erasmus que escolle Vigo como destino para a súa estadía”.
Todos aquelas persoas interesadas en obter información pode consultala na páxina web do Centro de Linguas.

Te puede interesar
Más en Universitas