UNIVERSITAS

Chega setembro e os campus volven rebulir

curso_result
photo_camera Acto de benvida na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, unha das máis madrugadoras.

A taxa de ocupación nas prazas de novo ingreso roza o 80%, a falta de pechar varios prazos de matrícula, un dato que dende a Vicerreitoría de Estudantes valoran como “moi positivo”

O acto oficial de apertura de curso 2015-2016 do Sistema Universitario de Galicia foi o venres na Universidade da Coruña, pero dende o pasado martes, 1 de setembro, a actividade volveu xa aos tres campus da Universidade de Vigo con actos de benvida ao alumnado de novo ingreso en moitos dos seus centros. A volta está a ser gradual, pero en apenas uns días escolas e facultades están xa funcionando a pleno rendemento nun curso no que, a falta de pechar varios prazos de matrícula, o índice de ocupación nas prazas de novo ingreso roza o 80%, un dato que dende a Vicerreitoría de Estudantes valoran como “moi positivo” e sitúan na liña do curso anterior no que a cifra se elevou ata o 94%, a máis alta do SUG.

A institución académica viguesa oferta este curso 3.685 prazas de novo ingreso: 2.100 no campus de Vigo, 870 no de Ourense e 715 no de Pontevedra. Se ben a estas alturas moitas titulacións colgan xa o cartel de completo, nos tres campus hai carreiras nas que aínda quedan prazas vacantes dende o mércores, día 2, abriuse un novo período de matrícula, o cuarto dun total de oito convocatorias. Coas probas de Selectividade previstas para os vindeiros días 16, 17 e 18, a derradeira chamada á matrícula pecharase o 23 de outubro, aínda que as titulacións nas que quede algunha praza libre poderán abrir unha última chamada a matrícula no mes de novembro.

VIGO

“Pode que non sexades conscientes, pero hoxe é un día no que cambian moitas cousas, no que comeza unha nova etapa”, dicíalles o director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, aos novos estudantes de grao. E é que o martes 1 de setembro era ese primeiro día de universidade, do que se lembrarán dentro de catros anos cando, no acto de graduación, boten a vista atrás. Pero de momento, iso queda aínda lonxe e o camiño para chegar a ese intre comezou cos actos de benvida ao alumnado de novo ingreso. No campus de Vigo os máis madrugadores foron, xunto coa EE de Telecomunicación, a ETSE de Minas e as facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar. Seguiulle o xoves 3 a EU de Estudos Empresariais e a Facultade de Filoloxía e Tradución e nos vindeiros días o resto dos centros do campus.

OURENSE

As aulas do campus de Ourense abríronse de novo para recibir ao alumnado que este curso se matriculou nalgunha das súas titulacións. Os estudantes de primeiro curso do grao de Traballo Social foron os primeiros en comezar a actividade universitaria participando no acto de benvida que para eles e elas organizou a Facultade de Ciencias da Educación onde desenvolverán durante os vindeiros catro anos a súa vida universitaria. Ao longo da semana pasada continuaron as xornadas de acollida para o alumnado das diferentes titulacións e comeza así paulatinamente a actividade académica.

PONTEVEDRA

Por segundo ano consecutivo, a Facultade de Fisioterapia foi a primeira en dar a benvida oficial aos novos alumnos e alumnas no campus, cun acto de presentación do centro e dos servizos que a Universidade pon a disposición do estudantado que, ao longo da semana, desenvolverase tamén nos restantes centros dos campus pontevedrés. Un campus que o 1 de setembro levantou o pano do ano académico 2015/2016 felicitándose pola “consolidación das súas titulacións”, como sinala o seu vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, quen pon o acento na “boa acollida que están a ter de novo os graos que se imparten no campus".

Te puede interesar
Más en Universitas