Ciencias da Educación e do Deporte incorpórase á redPEA

rede_result
photo_camera A facultade incorporase a unha rede de máis de 10.000 centros.

Na actualidade, máis de 10.000 centros educativos de 181 países forman parte da mesma
 

O fomento dunha educación para o desenvolvemento sostible e a promoción dos valores da paz, os dereitos humanos, a cooperación internacional e o diálogo intercultural. Este é o compromiso que vén de adquirir a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa súa inclusión na Rede de Escolas Asociadas á Unesco (redPEA), que agrupa a máis de 10.000 centros educativos de 181 países. Tras presentar a súa candidatura a entrar a formar parte da mesma hai preto de dous anos, a facultade vén de recibir a resolución do Sector de Educación da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, con sede en París, na que confirman a súa adhesión a unha rede que ten como obxectivo promover o intercambio de experiencias e proxectos entre os diferentes integrantes da mesma.

O decano Vicente Romo destaca que a decisión da comisión que avaliou a súa proposta pon de relevo o compromiso desta facultade “cos principios da Unesco”, ao tempo que dá mostra do “excelente traballo que está realizando a comisión responsable” da candidatura. Á fronte sitúase o profesor Miguel Cuevas, que apunta que a inclusión do centro nunha rede integrada por máis de 10.000 escolas e centros de formación de profesorado de todo o mundo, implica “o recoñecemento dunha institución internacional moi prestixiosa, que ten un proxectos moi claros no ámbito da educación”, recollidos na estratexia da redPEA para o período 2014-2021, Unha rede de escolas para abordar os problemas mundiais.

Te puede interesar
Más en Universitas