UNIVERSITAS

Das aulas a internet na procura de ferramentas de aprendizaxe

_gal1_result
photo_camera María Álvarez Lires (segunda pola esquerda), directora do proxecto, xunto ao resto dos docentes.

Promover entre o alumnado unha reflexión sobre aquelas prácticas que permitirían “innovar e mellorar no labor docente” constitúe un dos obxectivos centrais do proxecto

Pese a que internet e as redes sociais son na actualidade elementos case que omnipresentes na vida do alumnado, este non contempla a día de hoxe o uso destes recursos como unha ferramenta didáctica que, no caso de boa parte do estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, podería resultarlles moi útil no seu futuro profesional como docentes. Por iso, coa idea de cambiar esa concepción e fomentar a implantación de novas metodoloxías, sete profesores da facultade desenvolven neste curso un proxecto de innovación educativa que trata de promover o uso das redes sociais como ferramentas para a aprendizaxe.

A través do desenvolvemento, grazas á colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dunha “contorna virtual de aprendizaxe” na rede, dentro da que se integra unha rede social, este proxecto pretende que os estudantes “estean utilizando en todo momento as TIC para realizar as aprendizaxes propias da materia a través das actividades propostas, xa que isto é algo que eles poderán usar no futuro como docentes”, resalta da directora do proxecto, María Álvarez Lires. Xunto a ela, os docentes Antonia Blanco, Uxío Pérez, Azucena Arias, Xabier Álvarez Lires, Francisco Serrallé e María Mercedes Varela participan nunha iniciativa impulsada desde o grupo de investigación DE05 Ciencia, Filosofía, Xénero e Educación e que abrangue sete materias dos graos en Educación Infantil e Primaria, cursadas por preto de 500 alumnos.

Promover entre o alumnado unha reflexión sobre aquelas prácticas que permitirían “innovar e mellorar no labor docente” constitúe un dos obxectivos centrais dun proxecto que tamén busca fomentar “unha aprendizaxe autónoma e cooperativa”, promovendo a interacción dos estudantes de diferentes materias e titulacións a través das redes sociais. Trátase, segundo relata Álvarez Lires, de articular nas materias implicadas no proxecto un “método de aprendizaxe semipresencial” no que o alumnado suma aos coñecementos recibidos na aula a posibilidade de “construír as súas propias aprendizaxes” mediante o traballo en grupo. A este respecto, Lires engade que, ao empregarse nesta iniciativa unha rede social propia, aberta só ao alumnado e aos docentes participantes, búscase que os estudantes “se organicen, colaboren e participen a través desta”. Para logralo, “en cada materia vanse desenvolver actividades relacionadas cos seus aspectos específicos, pero ao tempo transversais, de tal xeito que o grupo global do alumnado poida participar nas discusións e nos debates que se abran nas diferentes materias”, cuestión que, explica, tamén será obxecto de cualificación por parte do profesorado responsable de cada materia.

Te puede interesar
Más en Universitas