ECONOMÍA

Por unha economía do coñecemento máis inclusiva

photo_camera O proxecto Genera reuniu a investigadores e investigadoras de catro países.

Investigadores de catro países reuníronse en Ciencias da Educación e do Deporte.

“Estimular unha economía do coñecemento máis inclusiva e competitiva” a través do estudo dos obstáculos existentes “para incorporar e reter talento nas nosas universidades e centros de investigación” é, segundo sinala a investigadora da Universitat Oberta de Cataluña Ana González, o propósito principal do proxecto I+D+i Genera (Generación de una Economía del Conocimiento más Inclusiva y Competitiva), no que participaron investigadores e investigadoras de España, Reino Unido, Suecia e Australia. Entre eles, o grupo de Didáctica das Ciencias Experimentais (DE5) da Universidade de Vigo, que dirixen as profesoras Purificación Mayobre e María Álvarez Lires, que exerceron como anfitrioas da xuntanza anual de seguimento deste proxecto, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“Tratouse da segunda reunión de seguimento anual, despois da que se celebrou en Barcelona en setembro de 2014 para dar inicio ao proxecto”, relata Álvarez Lires dunha investigación financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade e na que tamén participan investigadores e investigadoras da Complutense de Madrid, Politécnica de Cataluña e da Universidade de Jaén, así como da universidade sueca de Umeå, da Federation University de Australia e da Open University británica.

Nese senso, González Ramos apunta que co propósito de cumprir cun dos obxectivos do proxecto, estudar os nesgos de xénero que afectan ao modelo de selección e progresión na carreira investigadora, creouse esta rede integrada por investigadores e investigadoras de diferentes países e que se encargará de realizar “unha enquisa internacional que queremos lanzar xa nas universidades e centros de investigación españois no próximo mes de novembro”.

Identificar os “valores e prácticas subxacentes” á toma de decisións “para identificar o talento e a excelencia”, examinar os nesgos de xénero relacionados coa actividade realizada polas mulleres no ámbito da investigación, comparar como estes “afectan ao modelo de selección e progresión de homes e mulleres na ciencia” e avaliar liñas de acción estratéxicas dirixidas a promocionar as vocacións científicas son os catro obxectivos centrais dun proxecto que, segundo explica a súa coordinadora, continuará desenvolvéndose ao longo dos próximos dous anos.

Te puede interesar
Más en Universitas