PUBLICACIÓN

Un percorrido visual por sesenta anos de turismo en España

photo_camera Profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económica

O libro pertence á colección El Gran Viaje editado no 60 aniversario da Escuela de Organización Industrial

Dende que España comezaba a recibir os primeiros turistas estranxeiros, a poñer en marcha un tecido empresarial hoteleiro e de ocio, ata a irrupción do e-turismo ou turismo intelixente, pasaron 60 anos. Os mesmos que cumpre en 2016 a Escuela de Organización Industrial, centro dependente do Ministerio de Industria, Energía y Turismo. Son precisamente estes sectores os que vertebran o traballo da escola e os elixidos para articular unha colección de libros titulada "El Gran Viaje", cun volume dedicado á industria, outro á enerxía e un ao turismo. O autor deste último é o profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas, Rafael Vallejo, que recibiu este encargo dende a EOI tras publicar varios traballos sobre o turismo durante o franquismo. 

Neste libro analiza a evolución do sector turístico dende a década de 1950 ata a actualidade, 60 anos de fondos cambios tanto nas actividades económicas como nas dinámicas sociais do turismo, seis décadas de luces e de sombras, que fixeron do turismo “parte esencial do modelo produtivo”. Lembra Vallejo que en 1950 España aspiraba a industrializarse, pero “converteuse, case de súpeto, nun país turístico, isto é receptor de turismo estranxeiro, e cunha poboación que, coa mellora da renda familiar dispoñible, foi aumentando as prácticas de ocio, incorporándose ao ‘veraneo’ e ao turismo”.

Esa foi a época do despegue do sector, coa creación de aloxamentos e servizos turísticos, a aparición dos tour-operadores e o recoñecemento por parte da administración das achegas significativas que o turismo fai á economía española. Iníciase entón, como remarca Vallejo “o cambio sociolóxico asociado ao turismo do sol e praia, no que a polémica sobre o uso do bikini é a día de hoxe unha das moitas anécdotas”. Nesta época teñen a súa orixe grandes grupos empresariais actuais do sector turístico, como Meliá ou Barceló.

Os cambios provocados polo turismo non se limitaron á economía, senón que o sector actuou como factor modelador, por exemplo, da paisaxe. O profesor Vallejo recoñece que nalgúns casos “actuou de forma destrutiva; noutros creando unha xeografía humana nova, "turistificada” cos desenvolvementos residenciais turísticos e os requirimentos asociados que tiveron un “elevado impacto ambiental”. Dende o punto de vista socioeconómico, o desenvolvemento do sector turístico tamén modificou a dinámica de moitos pobos e mesmo de varias comunidades autónomas, “que hoxe dependen en gran medida dos ingresos das actividades turísticas”. Naceron referentes empresariais que na actualidade teñen implantación internacional.

Te puede interesar
Más en Universitas