UNIVERSITAS

Volta a Baiona e Ares para “repetir" as súas teses

souza_result
photo_camera Jesús Souza Troncoso e Juan Moreira nos laboratorios de Ciencias do Mar.

Os científicos Jesús S. Troncoso e Juan Moreira retoman os seus traballos 
de investigación tras vinte e trinta anos, respectivamente

Juan Moreira é profesor na Universidade Autónoma de Madrid, pero hai 20 anos realizou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, un estudo sobre a fauna da enseada de Baiona. Jesús Souza Troncoso, na actualidade director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, desenvolveu hai 30 anos a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago sobre a fauna da ría de Ares. Agora, 20 e 30 anos despois, respectivamente, ambos puxeron en marcha unha iniciativa pioneira, repetir os seus estudos para comparar os resultados e constatar así a saúde destes dous lugares e detectar cambios significativos na fauna mariña.

No caso do investigador Juan Moreira, a idea “é repetir as mostraxes e os estudos que fixemos hai 20 anos para a miña tese de doutoramento” que se puxo en marcha coincidindo coa chegada de Souza Troncoso á Universidade de Vigo en 1995, tras o seu paso pola USC. O actual director da Ecimat arrancou nesa época un proxecto que se presentaba, a priori, como algo sinxelo: o estudo da distribución dos invertebrados na ría de Baiona. “Era unha zona pouco estudada, estaba preto e requiría pouco orzamento”, lembra o científico. Nesa época Moreira rematou a carreira e involucrouse no proxecto, encargándose da parte de identificación das especies.

Deste estudo saíu a súa tese de doutoramento, que tivo entre outros resultados, o descubrimento de sete novas especies de invertebrados mariños da enseada de Baiona. O investigador explica que agora, coas análises actuais, non agarda obter resultados semellantes, “xa que hai 20 anos, esta zona estaba escasamente estudada”.

Nesta nova etapa empréganse os mesmos puntos de mostraxes, a mesma metodoloxía e participan os mesmos investigadores, aínda que a Moreira e Troncoso únense nesta revisión os investigadores Marcos Rubal e Puri Veiga. Lembra Moreira que o estudo inicial foi “pioneiro e fundamental”, xa que ata ese momento só existían traballos sobre as especies máis coñecidas e comerciais como mexillóns, mentres os invertebrados dos fondos eran moito máis descoñecidos.
 
As bateas, no punto de mira

Se as mostraxes orixinais tiveron lugar en decembro de 1995, a nova recollida de mostras realizouse en xullo deste ano. Agora comeza o traballo de laboratorio para analizar os substratos (area, fango, etc.) e realizar as análises que teñen que ver coa compoñente física (tamaño do gran, cantidade de materia orgánica, temperatura ou salinidade...). Moreira lembra que outra parte do traballo consiste na análise da composición faunística, “é dicir, determinar nun tipo de substrato, cunhas determinadas condicións, que tipo de fauna hai, que especies e a abundancia das mesmas”.

O traballo inicial permitiu identificar sete especies novas de pequenos invertebrados. “Foi unha sorpresa”, recoñece Moreira, “porque tendemos a pensar que nas zona costeira temos todo catalogado, e non é así, hai cousas que se nos escapan, ou ben porque son crípticas ou ben porque se parecen a especies coñecidas”.

Desta volta, os investigadores apostan pola hipótese de partida de que os resultados sexan similares, “co mesmo tipo de substrato e de comunidades que atopamos no seu momento” o que indicaría que non se produciu ningún cambio ambiental importante. No caso de que os resultados amosen diferenzas, Moreira explica que “haberá que identificalas e buscar as causas”. Con todo, teñen no punto de mira un factor que podería ser causante de cambios: a instalación pouco despois do primeiro estudo de varias bateas na marxe norte da enseada.

Te puede interesar
Más en Universitas