BALANCE DE 2015

O emprego industrial creceu un 9% en Terra de Trives no último semestre do ano

Gerente de Inorde acompañado de los alcaldes de Manzaneda y Trives y Miguel Vazquez, representante de la CEO_result
photo_camera El alcalde de Trives, el gerente de Inorde, el alcaldes de Manzaneda y Miguel Vázquez, representante de la CEO, en la presentación del informe.

O Observatorio Económico da Deputación, presentado este martes en Pobra de Trives, destaca o "bo comportamento do paro comarcal, que retrocedeu ata os niveis previos á crise"

O mercado laboral de Terra de Trives permaneceu estable no último ano, con preto de 1.300 empregos locais, mentres que o paro continuou á baixa e xa retrocedeu ata os niveis previos á crise económica, segundo transcendeu hoxe na presentación do sétimo Observatorio Económico da Deputación de Ourense, realizada no Concello de Pobra de Trives diante de alcaldes, empresarios, técnicos e axentes económicos e sociais da zona.

Como nova máis salientable dos indicadores da comarca, o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, destacou a evolución do sector industrial, que no segundo semestre de 2015 logrou xerar un 8,9% de emprego neto. Deste xeito, o emprego da industria recupera niveis equiparables aos que presentaba no primeiro trimestre de 2013, o que equivale a tres anos de neutralización dos efectos laborais da crise no sector máis determinante para a renda dos fogares e para fixar a contía das pensións polas cotizacións elevadas.

"A estatística comarcal quebra o mito de que comarcas con limitado desenvolvemento empresarial e económico teñen á forza un feble sector industrial. En Terra de Trives, a industria xera o 14,3% de todo o emprego da comarca, cando a media de Galicia está no 13,8%”, explicou José Manuel Rodríguez. Tamén defendeu que os empregos industriais pesan máis na provincia de Ourense que no conxunto de Galicia, xa que na primeira impulsan preto do 15% dos traballos, polo que “o debate permanente sobre a febleza do sector industrial ourensán forma parte do pasado e non da realidade tanxible hoxe”, afirmou.

Por outra banda, dous concellos da comarca figuran entre os 15 maiores focos municipais de creación de emprego en 2015 na provincia de Ourense. Trátase de Chandrexa de Queixa, que impulsou as afiliacións nun 4,3%, e de Manzaneda, onde repuntaron un 3,7%. No seu conxunto, a comarca perdeu un 0,8% de afiliados no último ano, dato que en términos absolutos só equivale á unha diminución de dez empregos en 2015 en toda a comarca.

CONTROL DO PARO

Terra de Caldelas comparte coa Baixa Limia o terceiro posto entre as comarcas ourensás con maior control do paro, só por detrás de Viana e de Terra de Celanova. En comparación con xaneiro de 2008, o paro comarcal limita o crecemento ao 3,5%, logo de estreitarse un 6% no último ano. Atópase polo tanto en cifras comparables ás dos primeiros meses de 2008.

No acumulado dos últimos doce meses, o paro baixou nos catro concellos da comarca, con descensos que oscilaron entre o 0,6% de Pobra de Trives e o 19,3% de Manzaneda. A comparativa desde xaneiro de 2008 sitúa a dous municipios con menos parados que antes da crise: Manzaneda (-13,8%) e San Xoán de Río (-3,8%). Cabe salientar que Manzaneda é o quinto concello ourensán con mellor comportamento do paro no último ano e o sexto en toda a serie temporal desde o inicio da crise.

Pola súa banda, o municipio de Pobra de Trives destaca como a terceira cabeceira de comarca con mellor evolución do paro rexistrado desde xaneiro de 2008.  Fixa o incremento no 5,8%, só por detrás do 0,8% que asina Bande e do 4,4% de Celanova.

Finalmente, O Observatorio Económico Ourensán sinala que o 85,2% dos maiores de 65 anos residentes en Terra de Trives perciben unha pensión contributiva, o que significa que teñen a segunda taxa de cobertura máis alta da provincia, a continuación da de Terra de Caldelas (88,1%).

De media, os pensionistas de Trives perciben 722 euros mensuais, o terceiro importe máis alto da provincia, unicamente superado polos censados nas comarcas de Ourense (837 euros) e Valdeorras (814 euros). Segundo apuntou o xerente do INORDE, este dato reafirma o relativo dinamismo industrial da comarca, xa que a industria é a que fai repuntar os importes en maior medida, e recolle tamén a influencia dos retornados doutras zonas do país con pensións superiores á media provincial.

Te puede interesar