Cultura

Ferrer: o pintor das dúas caras

Autorretrato del pintor valdeorrés.
photo_camera Autorretrato del pintor valdeorrés.
Jesús Díaz Ferrer chegou a sufrir tales dificultades económicas que tivo que pintar polo reverso dos lenzos que usaba. A súa obra reivindícase nunha exposición no Casino do Barco, na que se exhibe o seu dominio de diferentes estilos e técnicas

As súas dificultades económicas obrigárono a pintar os lenzos polas dúas caras para aforrar material. Agora, a obra de Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922-Teruel, 2017) está exposta no Casino do Barco, á vista de aqueles que queiran achegarse para contemplar o seu estilo ecléctico.

A mostra é unha iniciativa privada dun coleccionista barquense, quen tras tomar contacto coa obra de Díaz Ferrer foi facéndose con numerosos cadros xestados co seu pincel. Decidiu expoñelas no Casino. Son case 30 pinturas que se poderán contemplar na segunda planta.

Manuel Gómez, coñecedor da traxectoria de Jesús Díaz Ferrer, laméntase de que “practicamente é un absoluto descoñecido aquí no Barco” malia ser natural da localidade. “É un home que abarca moitos estilos, non se pode clasificar en ningún determinado”, explica.

Un dos trazos que caracteriza a Díaz Ferrer é a diversidade temática da súa obra. Entre os seus cadros pódense atopar paisaxes, bodegóns, representacións dos seus sonos ou escenas costumistas. Tamén é diverso o seu repertorio de técnicas, que non se limita só á pintura.

Díaz Ferrer viviu primeiro no Barco, ata que marchou despois da guerra. O primeiro destino foi Madrid, aínda que logo recalou en Francia, Suecia, Suíza e Portugal. Logo, segundo explica Gómez, afincaríase en Teruel por un tema familiar, onde habitou ata o seu falecemento.

“Só viviu da pintura, el non tivo ningún outro traballo. Viaxaba cando tiña cartos”, detalla Gómez. Isto causolle dificultades económicas. “Chegou a pasalo tan mal que incluso nalgúns cadros pintaba polos dous lados”, di, antes de engadir que  “pintaba sobre calquera tipo de material”, como madeira ou incluso papel de envolver.

Entre os seus cadros atópase unha serie de pinturas que reflicten escenas do maio do 68 parisino, aínda que non forman parte da mostra do Casino. A exposición está aberta os xoves, venres e sábados do mes de xullo de 19,30 horas a 22,00 horas.

Te puede interesar