elecciones

As melloras do Camiño necesitarán 1,4 millóns

Alberto Núñez Feijóo e Sabina Aguado durante a reunión.
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Sabina Aguado durante a reunión.

Núñez Feijóo tamén anunciou reformas e ampliacións importantes no ámbito sanitario de Valdeorras

A concelleira do PPdeG e candidata á Alcaldía de O Barco, Sabina Aguado, mantivo unha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que abordaron diferentes cuestións de importancia para a vila. Núñez Feijóo informou á candidata de que nestes momentos atópase en fase de licitación o contrato de mantemento para o Camiño de Inverno, cun orzamento de 1,4 millóns de euros para os dous próximos anos que permitirá atender as necesidades que xurdan no día a día. 

O titular do executivo galego trasladoulle que a Consellería de Cultura e Turismo realizará en 2020 toda unha serie de accións de mellora, promoción e dinamización no Camiño de Inverno. Trátase dunha serie de ambiciosas actuacións que forman parte do calendario previsto no Plan Director do Camiño de Santiago.

Por outra banda, en relación coa sanidade, Alberto Núñez Feijóo referíuse a un plan de actuacións de mellora e ampliación no Hospital comarcal de Valdeorras que permitirá renovar e aumentar o espazo dispoñible na Área de Consultas Externas, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Farmacia e Cirurxía Maior Ambulatoria, cun investimento previsto de 994.800 euros.

O presidente incidiu en que ademais das obras de reforma haberá un importante investimento en equipamento médico e mobiliario, a renovación total da fontanería, climatización e mellora coa instalación dun novo ascensor-montacamas e a reestruturación da Área de Urxencias-Punto de Atención Continuada, que permitirá a separación destes dous niveis asistenciais mellorando a súa operatividade e funcionalidade, xa en execución.

Te puede interesar