O pleno das Letras Galegas será na vila de Florencio Delgado Gurriarán

photo_camera Presentación da programación na RAG sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán.
A Academia desenvolverá contidos para achegar a figura e obra do escritor de Córgomo á sociedade

A Real Academia Galega fixo pública a súa aposta por “facer chegar ás rúas a importancia da figura de Florencio Delgado Gurriarán e de todo o que representa”. A institución que dirixe Víctor F. Freixanes presentou a programación do Día das Letras Galegas, dedicado ao escritor de Córgomo (Vilamartín). Na cita estiveron o biógrafo e familiar do autor, Ricardo Gurriarán, e Débora Álvarez, directora do proxecto “As Letras de Florencio”, ademais das académicas Margarita Ledo, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os alcaldes de Vilamartín e O Barco -Enrique Álvarez e Alfredo García- e o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco.

A páxina web da RAG xa activou a “sección das Letras Galegas 2022”, na que irá reproducindo iniciativas propias e doutras institucións e colectivos que traballen na divulgación do legado de Delgado Gurriarán. Aquí, pódese ler a biografía do poeta, asinada por Ricardo Gurriarán, ademais dos primeiros episodios da serie de micropezas “Polos vieiros de Florencio”, que ten como sintonía un tema de “Aire!” o último disco do dúo Caamaño&Ameixeiras.

O Portal das Palabras, a web da RAG e a Fundación Barrié, estrenaron a “sección das Letras Galegas 2022” con tres xogos interactivos sobre o vocabulario da poesía de Florencio Delgado e un “Allos con bugallos” sobre o léxico dos poemas mexicanos. En marzo, a RAG presentará en Vilamartín a última edición do proxecto infantil Primavera das Letras, da man da escritora Ledicia Costas.

A Academia volverá ás terras valdeorresas o 17 de maio, para celebrar a sesión plenaria extraordinaria en Córgomo, o pobo onde naceu no ano 1903. Os discursos correrán a cargo da académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Xa no outono, terá lugar o Simposio das Letras Galegas, no que diferentes especialistas presentarán as súas investigacións sobre o autor.

A RAG editará o discurso que Florencio Delgado Gurriarán escribiu para unha posible cerimonia, co gallo do seu nomeamento como académico, que non chegou a producirse, entre outras publicacións.

Te puede interesar