Rafael Pérez: “Tense que capacitar aos veciños contra os lumes”

photo_camera Rafael Pérez, alcalde de A Mezquita, entrevistado por su trabajo en primera línea durante los incendios
Entrevista en profundidade ao alcalde da Mezquita

Rafael Pérez, alcalde da Mezquita, estivo en primeira liña no incendio que ameazou varias vivendas do seu municipio. Aos mandos do camión motobomba, e acompañado de varios traballadores do concello, loitou durante horas para evitar que as lapas levaran por diante os bens dos seus veciños.  O lume está controlado e queimou 150 hectáreas.

Vostede loitou durante horas contra o lume xunto aos veciños, por que decidiu que ese era o seu lugar?

Non é algo que eu queira, considero que nestas situacións tanto dá que sexas alcalde que calquera outra cousa. Fixen o mesmo que o resto da poboación, e teño claro que o día que deixe de ser alcalde, farei o mesmo. 

Por que estivo aos mandos do camión motobomba?

Conduzo eu simplemente porque son a primeira persoa a que lle chega o aviso. Considero que é a maneira máis inmediata de atallar un problema desta índole, e máis cando o tempo de chegada ao incendio é crucial para poder extinguilo. Hai unha persoa no concello contratada para levar a cabo esta labor, pero non pode estar dispoñible os 365 días do ano durante 24 horas. 

Considera que a poboación se involucrou de maneira xeral para frear os lumes que afectaron á Mezquita?

Así foi. Nunha situación como a que vivimos aquí non hai problemas persoais nin cores políticas. O importante é defender o territorio e colaborar xuntos por un ben común. 

As lapas ameazaron de cheo varias vivendas do municipio, recorda algunha situación similar? 

Tivemos moitos incendios forestais, pero con tanto risco para as vivendas dende logo que non. 

Cre que os medios existentes son suficientes?

A nivel municipal estamos limitados. Precisamente nós somos un dos concellos con máis lumes da provincia de Ourense e non temos os medios suficientes para responder de forma rápida e contundente. 

Cal é o balance que fai despois de vivir esta situación?

Está claro que falla a xestión actual dos montes, tanto do monte comunal como das fincas particulares. Ata agora ardía o monte e agora, cada vez con máis asiduidade, o lume pon en perigo os bens materiais e a integridade das persoas. 

Cal considera que podería ser a solución a isto?

Hai que mudar a xestión. É dicir, máis prevención e menos extinción. É necesario constituír brigadas profesionais que non dependan da entidade local, e por suposto, poñer en valor o noso territorio. Debemos apostar por especies autóctonas máis resistentes aos incendios forestais e formar á poboación. Situacións como a do Barco de Valdeorras, a de Verín ou a da Mezquita poñen de manifesto que os veciños son esenciais para a extinción, polo que levar a cabo durante a tempada de inverno cursos que os capaciten para unha mellor actuación sería esencial. Temos que sacar adiante proxectos como o compromiso que o Concello da Mezquita acaba de adquirir coa Xunta de Galicia. Pódese chamar polígono agroforestal, no noso caso encamiñado a poñer en uso as terras abandonadas para a produción de cereal. En resumo, resulta necesario traballar por e para o rural.

Te puede interesar