Viana investirá 3,3 millóns en novas obras e servizos

O BNG está en contra porque asegura que "supón dilapidar fondos da vila en inversións que non son rendibles"

O equipo de goberno vianés invertirá 3,3 millóns de euros en diversas obras novas e de acondicionamento, entre as que se encontran a reforma da Praza de Abastos, a construción dun centro de día, a rehabilitación do Campo da Feira, así como actuacións “necesarias” en distintos pobos do Concello. Así, no pleno extraordinario celebrado este pasado sábado día 13 de novembro no salón de plenos do Concello, quedou aprobado definitivamente o expediente de modificación de créditos, o que permitirá a utilización de remanente para poder abordar estes proxectos, pese as alegacións presentadas ao referido expediente por parte do BNG. 

Andrés Montesinos, tenente alcalde da localidade afirma que “temos agora a oportunidade de investir nunha serie de novos proxectos e melloras moi necesarias que, por outro lado, nos están demandando os propios veciños. Ademais, a utilización de ese remanente, debido ao importante desembolso económico que ten que levar a cabo o Concello para o arranxo da estrada de Santo Agostiño, vainos permitir abordar todos eses novos proxectos.”

En canto a polémica existente polo abandono do pleno do pasado sábado por parte dos representantes do BNG, asegura que este partido “continúa a poñer todas as trabas posibles para que as cousas non salgan adiante, o que evidencia que están mais preocupados  polo seu rédito político que polo ben colectivo. Resulta que o seu portavoz presenta alegacións contra o expediente de modificación de crédito, celébrase un pleno urxente por ese motivo e antes de debater o primeiro punto da orde do día, os concelleiros do Bng abandonan a sala e pretenden, despois, confundir a opinión pública coa infantil escusa de que non os deixan falar”. 

Postura contraria

Secundino Fernández, portavoz do BNG segue a reafirmar a súa postura e explica que “o BNG non está de acordo coa inversión a realizar, xa que nos parece que isto supón dilapidar os fondos da historia de Viana en inversións que non son rendibles e que teñen unha nula demanda social”. Con referencia a acción de abandonar o pleno do pasado sábado, afirma que “non nos deixaron expresar a nosa opinión sobre unha cuestión que ademais había que votar posteriormente. O presidente da corporación non nos deixou falar, polo que como medida de protesta vímonos na obriga de abandonar. Foi unha medida de protesta contra unha actitude ditatorial  e antidemocrática por parte do dirixente do pleno e apoiada polo portavoz do Partido Popular.”

Te puede interesar