Lavado de cara ao núcleo de Moreiras por 425.000 euros

A Xunta aportará o 70% do orzamento, mentres que o 30% restante porao o Concello de Toén 

A Xunta e o Concello de Toén investirán 425.000 euros na humanización do núcleo rural de Moreiras (Toén). Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na súa visita ao municipio, que visitou onte Toén para firmar o convenio de colaboración co Concello. Na firma tamén estivo presente o rexedor, Ricardo González, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

En concreto, o departamento autonómico achegará o 70% do orzamento destes traballos, ademais de encargarse da contratación das obras e da súa xestión ata que estean completadas. Pola súa banda, o Concello de Toén foi o encargado da redacción do proxecto que se vai acometer neste núcleo, e, ademais de financiar o 30% restante, será o encargado do mantemento e conservación unha vez rematada a obra.

Vázquez explicou que os traballos, que teñen un prazo de excución de 12 meses e que está previsto que se liciten durante o mes de setembro, inclúen a creación dun novo espazo que incluirá 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas con miradoiros e escaleiras e tamén unha senda peonil. Ademais, no proxecto prevense outras melloras como a ampliación da rúa de Patín (ata acadar os 8 metros de ancho), a renovación do alumeado público con balizas e luminarias ou a recollida das augas pluviais para o seu uso no rego e a conexión desta nova rede co saneamento municipal. Por último, está prevista a recuperación de vexetación, coa plantación de árbores autóctonas e a posta en valor de elementos existentes na contorna, como as minas de auga, un lavadoiro ou algúns muros de pedra.

Así, nos últimos anos o departamento autonómico e o Executivo local impulsaron xuntos tamén a urbanización da praza de Moreiras, rematada no ano 2011 e na que se investiron máis de 176.000 euros, e a finais do ano pasado culminaron outra actuación no espazo público de Mugares, cofinanciada entre ambas administración por 85.000 euros. Neste senso, Ángeles Vázquez salientou a importancia destes investimentos porque “lle van cambiando a vida aos concellos”.

Pola súa banda, o alcalde, Ricardo González, asegurou que “esta é a culminación a un traballo de catro anos loitando pola humanización de Moreiras e, deste xeito, atendemos unha demanda histórica da veciñanza”. Pero González indica que “aínda que esta é unha obra crucial, terá unha segunda fase na que trataremos de instalar un parque infantil”. O rexedor subliñou que está “orgulloso en tres sentidos: por atender unha demanda veciñal, pola necesidade que tiña este núcleo de 900 habitantes e porque é unha obra integradora para crear un punto de encontro no centro da aldea”.

Te puede interesar