Cartas al director

A aldea como autovía

Vivo nunha pequena aldea de menos de 20 habitantes situada a carón da ponte da comarcal 536 en Ourense á altura de Xunqueira de Espadanedo que caeu hai un mes.

Dende entón, e a pesar de estar habilitado un desvío debidamente indicado, estamos a sufrir un tráfico de vehículos excesivo e a unha velocidade inapropiada por parte de condutores que coñecían, ou ben descubriron por casualidade, que atravesando a aldea atallaban. Así, de 8:00 a 9:00, de 13:30 a 15:00 e de 19:00 a 22:00, temos que soportar que numerosos coches, furgonetas e pequenos autobuses transiten por unha estrada estreita onde non collen dous turismos, a unha velocidade moi superior á recomendable.

Despois de intentar poñerme en contacto co alcalde de Xunqueira de Espadanedo en catro ocasións, nas que me atendeu unha empregada do concello moi amable que intentou axudarme en todo o que puido, finalmente este chamoume por teléfono e esta foi a súa resposta:

-El non pode facer nada (nin sequera se presentou no lugar para botar un ollo ao problema).

-Non se pode impedir que a xente circule polas estradas (cando ninguén llo pediu).

-Non poden colocar lombos en todas partes.

-Chamar a Garda Civil e á Tráfico é inútil porque nos ignorarían.

-Cando lle comentei que case atropelaran ao meu sogro que vai nunha cadeira de rodas e que tanto os nenos como as persoas maiores (que son maioría na aldea) non podían saír da casa sen medo a que pasase un coche a toda velocidade, respondeume que, mentres a ponte estea cortada, temos que ter máis coidado ao andar pola aldea.

Entón pregúntome: para que están os concellos e os concelleiros, sobre todo en sitios tan pequenos coma este, se non axudan aos veciños?