Cartas al director

Indefensos

¿Quen nos protexe dos que nos protexen?

Estes días asistimos con estupor e vergoña á tala indiscriminada das árbores que poboaban as beiras da estrada de Trives (OU-536) no seu percorrido polos concellos de Pereiro de Aguiar e Esgos. Case 100 exemplares de diversas especies, algúns próximos ó século de idade e de máis de 20 metros de altura, desaparecidos, perdidos para sempre. No chan unha ringleira de tocóns como testigo mudo dunha derrota.

Os poucos que quedan teñen marcado no seu tronco con pintura unha X verde (si, verde, que ironía) sinal terrible do seu futuro.

Todo se está a facer en aras da nosa seguridade, para protexernos. Non valeu de nada solicitar no seu día á Administración información sobre cal era o obxeto destas marcas nas árbores, nin presinto que servirá de moito a loita de veciños e grupos ecoloxistas en defensa das que aínda quedan en pé. A nós deféndenos a Administración, pero as árbores non teñen quen as defenda.

A aqueles que nos defenden das árbores gustaríame lembrarlles algo: que as árbores son seres vivos, que combaten o cambio climático absorbendo CO2 e liberando osíxeno, que limpan o ar ó filtrar partículas contaminantes, que axudan a previr a erosión do chan e a contaminación da agua, que reducen a nosa exposición ós raios ultravioleta, que nos alimentan, que dan paz, en definitiva: que nos protexen. Si, as árbores, eses seres maxestousos e dunha absoluta non violencia, protéxennos. 

Gustaríame tamén lembrarlles que son un patrimonio de todos, igual que o pode ser un cruceiro, un muíño ou unha fonte, e por se fora pouco son un patrimonio vivo, e merecen moito máis que o escaso respeto que lles estamos a amosar. O coidado dese patrimonio é unha obriga de todos : administración e cidadans. Son o maltrato sistemático e as podas indiscriminadas as que fan que as árbores sexan perigosas. A consecuencia lóxica do abandono é o deterioro, e tras esta labor de protección da cidadanía agóchase a comodidade dunha Administración para a que as árbores son un problema. 

Haberá quen percorra estes días esta estrada e non as bote en falla. Haberá incluso quen se sinta máis seguro. Pero eu sí as boto en falla, e como cidadán síntome corresponsable deste acto de violencia gratuito contra estas árbores, e eso fai que me sinta indefenso.