Cartas al director

Repartir faragullas

Hai un deporte político na esquerda da Galiza que se chama “repartir faragullas”, e xa vai sendo un cancro crónico dexenerativo, de xenio e figura. Así nos vai e así nos pintan a cara de cando en vez.

A esquerda nacionalista galega vai sempre en liña recta, cunha folla de ruta obsesiva macrodogmática, á imaxen e semellanza dunhas siglas inmovilistas, e non aprende a xirar nin un grao á dereita cando a paisaxe e o paisanaxe así o aconsellan; pola contra, prefiren darse de bruces coas urnas electorais e coas penas pétreas. Mudan e mudan, e volven a mudar… facendo xuntanzas de nomes perecedeiros non indelebles.

En xeografía as distancias máis curtas non se percorren sempre en liña recta, ás veces hai que atallar e torcer á dereita ou á esquerda, rubir e baixar… En política non hai direccións prohibidas, porén en Galiza ata nos prohiben a nosa lingua no ensino, por decreto lei (dende o 2010).

A frase de Lampedusa, na novela “O gatopardo”, “Se vogliamo che tutto rimanga come è, bisogna che tutto cambi”, na Galiza igoal lle teríamos que engadir unha verba, non, e berrar:

“Se non queremos que todo siga como está, é preciso que todo cambie”.