Que pensarían vostedes se collesen as súas entradas en venda anticipada por Internet e finalmente por unha mala xestión e organización do Teatro Principal terminasen sentando con máis de vinte minutos de retraso e xa comezada a función na localidade “que xa tiñan asignada e pagada”? Iso foi o que nos sucedeu a varias ducias de persoas a fin de semana pasada ao ir ver a obra “Eroski Paraíso” da compañía Chévere, que dito sexa de paso, estiveron soberbios e superaron as expectivas, como de costume. Catro cousas que quitarían as cores e farían reflexionar a calquera xerente:
1) Non se entende que na era da tecnoloxía as persoas que teñen pagada e asignada a súa localidade por internet (co correspondente xustificante) teñan que volver a pasar por taquilla para obter unha nova entrada “en formato tradicional”.
2) Tampouco se entende que non se prevea un mecanismo ou vía específica para este trámite e se obrigue a estas persoas a poñerse na mesma cola e taquilla das outras que van mercar entrada por primeira vez.
3) Aínda resulta máis incomprensible que, ante a situación de masificación e desorganización no acceso ao Teatro Principal que se viviu o sábado pasado (as colas case chegaban á Praza do Ferro poucos minutos antes da función), os responsables non adoptasen ningún tipo de medida, sendo algunhas moi sinxelas (por exemplo, abrir outra taquilla ou sair á cola para pedir xustificantes das persoas que xa tiñan localidade a traverso de internet, e axilizar así o acceso). Nese momento estaba a propia xerente e varias persoas de persoal presenciando o incidente.
4)Pero o que xa roza o esperpéntico, é que ata pasados máis de vinte minutos sobre a hora de inicio da función non se dese entrada a todo o público, e que cando por fín se lles permitiu o acceso, a función xa estivese, comezada!
Finalmente, saiban vostedes que cando ao remate da función pedimos a folla de reclamacións, foi causa de estrañeza e estupor no persoal e non se nos facilitaron unhas condicións axeitadas para cubrila, terminamos facéndoo no chan!
A quen corresponda: o Teatro Principal adebédanos o comezo da obra de Chévere, e iso, para as persoas que amamos o teatro, non ten prezo. Estamos ante unha cuestión de solucións simples a problemas que causan un grande malestar.