Cartas al director

Carta aberta a D. Jesús Alonso Montero

Sr. Alonso, D. Xesús: Eu son un antergo alumno seu, do que cecais non se lembre, pero no curso 67/68, sendo vostede profesor de Literatura no Inem de Lugo, eu cursei alí o preuniversitario, asistindo ás súas clases. Viña da clase que no curso anterior, 66/67, nos dera D. Avelino Abuín González, “De Tembra”, sendo daquela o segredario xeral do Padroado Rosalía de Castro, e profesor de Literatura no Colexio Minerva, ou máis coñecido como Peleteiro, de Santiago. El foi o único profesor que nos deu un curso de galego para todos os que voluntariamente quixesen asistir. Recordo que vostede, en vísperas das vacaciós da Semana Santa, encargounos ós alumnos que recolleramos verbas típicas da nosa zona, apodos familiares, etc. Eu leveille verbas como “pallarego”, “curriolo”, “pisón” e “leirón”, e vostede foi quen me dixo que ese era o verdadeiro nome galego dos ratos.

Pero o motivo destas letras no é revivilo pasado. Escribolle porque estou indignado co que están facendo coa nosa lingua. Eu son o quinto fillo de meus pais e aínda que a cuarta naceu morta eu nunca tiven irmáns, porque na miña Galicia luguesa (non lucense) temos irmaos. Os meus brazos rematan nas maos, non nas mans. E no meu pobo natal, Foz, non temos verán, alí temos verao. Tampoco temos nais, somo fillos de pai e mai. Pois resulta que esa Real Academia Galega que vostede presidiu no seu día retirou esas verbas do diccionario, como se foran de segunda clase. Quen ten autoridade dabondo para decirnos cal sí, e cal non? Ou para impoñernos verbas que ninguén se acorda de cando se utilizaron, como “grazas”. Só atopei un dicionario, o “Consultor cumio do galego”, de 2004, adaptado a normativa de 2003, que recolle todas esas verbas, que son uns simples exemplos da desfeita. Ningún normalizador me vai impoñer ese novo galego de laboratorio. Non se pode impoñer unha lingua, as linguas fanse na rúa, fainas o pobo. Por todo iso...

D. Xesús, gustaríame saber a súa opinión ó respeto, pero publicada na prensa, porque o que vostede diga repercute, e o que eu diga non. 

E, nada mais, unha aperta.