Cartas al director

O monstro maquiavélico

A onda populista de corte dereitista, se é que aínda se pode clasificar no eixo dereita-esquerda de Bobbio, está de regreso do purgatorio tras a súa caída aos infernos da moral.

As ideas fortes de relatos universais ancorados en narracións comúns enunciadas por líderes carismáticos parecían vestixios de antano. No presente, o retorno de autoridades mesiánicas dende a América Latina posrevolucionaria pasando pola Asia emerxente ata a Europa decadente supón unha ameaza para as democracias liberais e para a liberdade de expresión negativa en expresión de Isaiah Berlín.

Certos colectivos ideoloxizados, descoñecedores da historia comparada, realizan aseveracións revisionistas encolerizadas da suposta falta de liberdade de opinión pola hipotética cultura da cancelación.

Argumentos falaces como o ostracismo imposto polos neoinquisidores do politicamente correcto carecen de solvencia retórica, xa que lembrando minimamente o pasado recente, de aí a importancia da memoria colectiva, observamos períodos escuros de ditaduras sanguinarias e opresoras como a de Franco.

Nese réxime autoritario, que aínda hai partidos que o enaltecen, a desalineación do discurso oficial non só supuña a represión propia senón o asasinato premeditado. Polo tanto, emitir sandeces como que no pasado se vivía mellor é unha gran mentira, propia dunha estulticia interesada.

Estes “cancelados” profesan unha fe dogmática e ortodoxa da contracultura, crendo na fortaleza dos Estado-nación ou na repulsa ás inmigracións, como se observa estes días nas forzas conservadoras, de países deprimidos, alegando que baixan os salarios e crean inseguridade, considerándoos un exército de reserva laboral precario, a pesar de que as migracións son o curso natural das especies dende o comezo dos tempos, ademais hai múltiples estudos que demostran cuantitativamente que melloran económica, cultural e socialmente ao país de chegada.

A quen pense diferente a estos supostos valedores da liberdade absoluta, sexa o transexualismo butleriano, o animalismo de Peter Singer ou o ecoloxismo profundo, son identificados como unha esquerda fucsia, caniche ou woke.

Por conseguinte, forman sectas que se retroalimentan en circuítos sanguíneos próximos ou de transfusións puras de outros núcleos irradiadores da esencia ontolóxica do ser blanco heterosexual do patriarcado estrutural de colonización imperial.