Cartas al director

O corazón do presente

No presente abundan as obras que se vertebran sobre a visión unidimensional, nesa reformulación da idea de Herbert Marcuse, cun foco de proxección concreto que reduce os puntos de fuga, carecendo a análise dunha profundidade epistemolóxica.

As interpretacións da actualidade adoitan guiarse pola tradición atávica dos tempos pretéritos; conservando os maniqueísmos, estereotipos e significantes baleiros que constitúen eses caixóns de xastre no que se depositan todos os obxectos políticos non identificados.

Os profetas do apocalipse pontifican dende as súas torres de marfil que as democracias liberais, celme da razón ilustrada, están periclitando en democracias imperfectas, de baixa intensidade ou en réximes híbridos; que desembocarían nas repúblicas bananeiras ou en estados errados tras as sucesivas ondas democratizadoras postuladas por Samuel Huntington. 

No caso nacional, unha miríade de intelectuais inciden na decadencia da moral e da dignidade da clase dirixente. Este ocaso do esplendor democrático tería o seu suposto berce no goberno “socialcomunista” con “golpistas” cataláns e “filo etarras” de Bildu encabezado polo “tirano” e “ditador” Sánchez, nese sanchismo “totalitario” afastado da esencia prístina do socialismo de antano, personificado en Alfonso Guerra e Felipe González.

Porén, os logros sociais, económicos e políticos acadados polo goberno de coalición son a proba evidente de que aínda que o relato poida semellar esa hexemonía gramsciana do poder, os feitos materiais seguen configurando as estruturas de articulación do Estado.

Por conseguinte, hai controversias que son de creación artificiosa, como as polémicas entorno á Lei de Amnistía, a cal é lexítima ao ser aprobada pola maioría do Congreso, elixido democraticamente polo pobo, e constitucional namentres o Tribunal Constitucional non diga o contrario. A Comisión de Venecia tamén se pronunciou na dirección da necesidade desa reconciliación, diálogo e convivencia entre Cataluña e o Estado español. Polo tanto, a amnistía non é un veleno para a democracia, mais aínda non se sabe se será o bálsamo da concordia. Como diría o rei aquel, vaiamos todos xuntos, e eu o primeiro, pola senda da amnistía.