Cartas al director

A conquista dos ceos

A conformación do Goberno nacionalprogresista con tendencias reformistas e liñas mestras independentistas exemplifica a diversidade cultural do Estado plurinacional, na que as diversas autonomías, especialmente as nacións históricas, teñen un papel protagonista na toma de decisións.

Na oposición indisciplinada áchanse os portadores do suposto poder da nación e figuras illadas que tiveron presenza na anterior lexislatura, concretamente as deputadas de Podemos. Estes membros reivindican o seu legado e critican a súa expulsión do Goberno.

O caso de Podemos é singular, xa que nace do berce do 15-M e comeza dende a marxinalidade da Universidade ata a marxinalidade da extinción consumada tras anos de acoso mediático, político e xudicial, coa prática do lawfare, a pesar de que todos os casos foron arquivados e os fins de mellora achados.

Por conseguinte, foi un movemento asembleario e democrático que se tivo que adaptar as leis de ferro da oligarquía de Michels para volverse pechado, vertical e xerarquizado, que derivou nun populismo de corte retórico, nesa ideoloxía delgada ideada por Mudde ou estratexia de obter o poder como enuncia Mouffe.

Porén, a ira desmesurada contra este partido simboliza o modus operandi do sistema que actúa como adulador da hexemonía vertical da partitocracia.

A crítica contra Podemos é lexítima, mais a humillación que sufriu dende os albores do berce ao vencellalos con ditaduras e movementos terroristas é un ataque á razón. A penúltima traizón é o peso insignificante que tiña en Sumar, un produto cosmético de creación mediática como marca branca do PSOE, e a posterior saída ao grupo mixto nun acto de dignidade que non de transfuguismo.

O derradeiro acto de presenza e relevancia agardemos que non sexa a destrución total do goberno, nun último combate contra as castas e as quebras do sistema, nesa visión de Juan Linz, que incluso chegaron a personificar.

É tan importante promover a revolución social no asalto aos ceos como saber escoitar a ese pobo que supostamente representan e que se mostra indignado coa retórica grandilocuente e os feitos inexistente. Quizais habería que ir de nube en nube como ben dicía Aitor Esteban.