Cartas al director

O poder do pobo

A cidadanía, nese zoon politikon de Aristóteles, temos a obriga de garantir os mecanismo e contrapesos da democracia consensual para evitar que as formas degradas da razón se establezan nunha época de alta voltaxe e dunha nova guerra fría temperada, xa que a historia móvese en espiral como afirmaba Arnold Toynbee.

Os nosos representantes teñen que ser conscientes de que o pobo non somos monicreques alienados polos meles do capitalismo libidinal, como estuda Amador Savater; senón astutos vixías das súas accións.

Polo que se pretendemos conservar os dereitos conquistados, sería aconsellable afastarse da indiferenza apática e mostrar a vitalidade digna dunha comunidade que recoñece o valor da honestidade, a verdade e a igualdade. Unha tríade máxica que está a esmorecer no altar da cobiza persoal e da soberbia intelectual, ao servizo de fins espurios.

O noso país, invertebrado como aseveraba Ortega e Gasset, por ser plural e diverso require unha articulación coherente coa realidade intelixible, nas verbas de Julián Marías, do poder endémico das diferentes nacións senlleiras. Porén, intentar homoxeneizar unha terra asimétrica é unha ousadía irracional que desemboca na polarización, a fragmentación e as loitas cainitas da era da espuma, como sentencia Peter Sloterdijk. Por iso, a busca do diálogo construtivo e respectuoso, escoitando ao outro, é a clave de bóveda para seguir pola senda do progreso.

O ser humano non é unha besta de arrogancia, mais pode chegar a sela se o sistema nos asfixia cos dogmas do individualismo neoliberal.