Cartas al director

O poder na sombra

Hai personaxes controvertidos que a historia contemporánea xulga tras anos de desterro intelectual, sendo notas a pé de páxina do relato dominante.

Estas figuras da marxe da narración influíron na conquista do Estado de dereito e do benestar ou, por contraposición, na deconstrución dos logros acadados. Entre estes persoeiros destacan aqueles que foron vilipendiados de xeito viperino a través das invectivas emitidas polos poderes hexemónicos da oligarquía depredadora, que os condenaron ao ostracismo.

No ámbito nacional, áchase un individuo que representou as ilusións frustradas dun pobo sometido ao xugo dunha casta extractiva que reprimía a vontade do optimismo mediante o pesimismo da intelixencia, teorizada por Gramsci.

O suxeito político en cuestión é o líder emérito de Podemos e a personificación da esperanza dunha comunidade indignada cos representantes indiferenciados do capital financeiro e dos eximios teóricos do neoliberalismo salvaxe. Pablo Iglesias soubo comprender a xanela de Overton e os marcos fragmentados das institucións do réxime do 78 e da Constitución do silencio entre os polos ideolóxicos.

O seu protagonismo, xunto co do seu círculo próximo, foi en declive tras as desercións dos principais baluartes e as mal denominadas purgas internas como consecuencia dun suposto puritanismo woke.

Por conseguinte, hai análises sesgadas que destacan a bunkerización sectaria do partido pos15-M nunha alienación cos dogmas fosilizados e irreformables como se foran a palabra da deusa Revolución, nun paradoxo de inmobilidade debido a que non se transixe coa pluralidade dos alicerces prístinos.

Este suposto proceso decadente é máis un relato parcial creado pola intelligentsia e non polos feitos reais, nunha interpretación subxectiva instrumentalizada con un fin concreto de destrución dos vínculos de relación co partido.

Porén, unha crítica fundamentada contra Podemos é o ataque ao poder mediático, con ofensivas particularizadas en xornalistas considerados lacaios do sistema. Nunha democracia plena, a cal é unha entelequia, o xornalismo político sería o que controlaría, xunto coa oposición, ao Goberno; e polo tanto, cando non realizara a función de vixía correctamente deberíase indicar mantendo as formas e os códigos morais. Mais a nosa democracia é deficitaria en certos ámbitos, destacando a xudicatura, identificada despectivamente como fachas con toga ou produtos do franquismo sociolóxico.

O futuro ditaminará a relevancia deste fenómeno disruptivo cunha distancia prudente do estudado, mais os cambios positivos en materia de igualdade, dereitos e condicións laborais son incuestionables tras a aparición deste movemento progresista.