Cartas al director

O vello carballo

A esperanza causa sufrimento é o epítome que reflicte o espírito dun tempo, o Zeitgeist hegeliano. Esta afirmación mostra que a forza da emancipación radica nunha loita práctica-metafórica contra as estruturas perennes de dominación cultural.

Esta actitude de resiliencia estoica deriva nun sufrimento activo vencellado coa suposición de achar uns fins prósperos a través de medios que non sempre son eticamente universalizables, nese concepto do imperativo categórico kantiano.

Por conseguinte, os valores morais mudan ao longo dos séculos, como se observa na evolución da sociedade, dende un modelo patrilineal de patriarcado clasista das elites extractivas ata un protosistema de igualdade horizontal de perfil feminista.

Estas tendencias sofren retrocesos tal é como acontece no presente recente con guerras de exterminio ou políticas insolidarias cos perdedores da globalización.

O Antropoceno ou Cambio Global, nunha concepción humboldtiana, na que se interrelacionan o factor emotivo da percepción coa realidade natural dá lugar en ocasións a transformacións negativas do ecosistema que adoita afectar, a pesar de que o 10% da poboación xera o 50% das emisións, ao Sur Global en forma de accidentes naturais, escaseza de recursos primarios ou destrución da fauna e flora.

Polo tanto, as ideas do Capitoloceno como sistema de crecemento infindo de explotación de recursos limitados leva a un estadio de empobrecemento do noso fogar común e de desigualdade xerárquica endonacional.

A resposta sería un decrecemento ou cambio de sistema cara a un socialismo verde de tradición conservadora, nun peculiar paradoxo.

Porén, a esperanza é fundamental para afastarse da indiferenza e apatía vital, que só nos guía cara a unha amnesia colectiva e nugalla intelectual. Por esta razón, a cultura, como a sétima arte, pode recrear problemáticas tanxibles, tal como acontece coa derradeira película do eximio Ken Loach “O vello carballo”, unha reivindicación da solidariedade e da comunidade global de integración altruísta.