Opinión

Disfraz de polo

Transcorría o ano 1965. Eu traballaba daquela en Ourense, era a tarde do luns de Entroido e chegaba con moitas ganas de troula. Ao entrar na casa dos meus pais, na mesma estrada xeral de Xinzo, encóntrome coa miña irmá Sita que está na cociña que temos na parte baixa da casa.

De súpeto escoito golpes na porta dun pequeno cuarto que hai debaixo das escaleiras, e pregunto : Que pasou, quen produce eses golpes? O que me contesta: "É un fermoso polo que nos regalou o veciño Antonio da última remesa que lle recolleron da granxa de Coren". O veciño era un bo amigo da familia, Antonio Sánchez, o pai de Toño e Jorge, que máis tarde, por esas cousa da vida, foi presidente do Grupo Coren ata que nos deixou hai uns anos.

O pobre animal non deixa de bater as ás e repenicar na porta do cuarto. De pronto ocorréuseme algo para disfrazarme. Polo que me dirixo a un pequeno trasteiro que temos no descanso das escaleiras de subida ao primeiro andar, e nun  baúl grande  con disfraces, atopo o sombreiro de mexicano que busco. Baixo á cociña e rescato o pobre polo, sedento e esgotado na súa pelexa por liberarse do seu encerro.

Pídolle á miña irmá que suxeite o polo mentres eu, cun cordel de ata-los chourizos amárroo polas patas ao sombreiro. "Ti estas tolo! Que vas facer co pobre animal?", dime. Termino de atalo e calo o sombreiro na cabeza amarrando  as dúas cintas do mesmo na barbela. A primeira proba foi dificultosa ao practicar un pouco pola cociña. Logo todo foi máis doado cando escomezou a gardar o equilibrio abrindo as ás.

Con tan singular disfraz saín da casa dirixíndome á primeira  tasca que atopo no camiño cara ao Barrio Dabaixo. A xente mira e ri estrañada sen saber moi ben de que vai a cousa. Chego á tasca, non lembro ben, creo que era a do Meco vello. Á persoa que esta atendendo no mostrador pídolle dúas tazas de viño branco. Como non ve ninguén ao meu lado, pregunta: "Como dúas tazas?". Ó que lle contesto: "Si , home si: unha para min e outra para o polo". Mírame, ri e encóllese de ombreiros. Mentres serve as tazas decátome que o polo ao ver as burbullas do viño branco trata de se inclinar cara adiante. Agáchome para pórme á altura do mostrador e o sofrido animal sacie a sede que vén arrastrando. Bebe e bebe sen parar, levantando a cabeza para facilitar a inxestión, ante a insólita mirada do taberneiro e as persoas que están na tasca, que non pode crer o que estaba vendo. 

"Ves para quen é a taza?", dígolle ao taberneiro, que me responde : "Carallo!, se non o vexo non o creo". 

Saín dalí dirixíndome cara a taberna seguinte, xa con algún curioso tras de min para non perder o espectáculo. Ao chegar repítese a mesma historia. O polo volve a bebe-la  taza nun santiamén, tratando de afanarme tamén a miña, co conseguinte alboroto dos presentes, que están abraiados.

Xa na terceira tasca, pido as dúas tazas, pero advírtolle  ao taberneiro que distancie unha da outra o máis posible para que non beba tamén a miña.

Chegado ata eiquí, penso que o polo e mais eu xa temos a suficiente confianza e seguridade, axudados polas tazas de viño que levamos envasado, polo que lle pido unha tixeira ao taberneiro, coa que corto o cordel e libero ao  animal das ataduras. A partires daquel momento todo foi moito máis doado. Co sombreiro ben calado camiño sen preocuparme co polo enriba con total soltura , gardando o equilibrio perfectamente.

Seguimos percorrendo algunhas tascas máis repetindo  a mesma faena, ata que chegado a unha das derradeiras, o pobre animal non aguanta máis e, despois dun longo grolo, pon os ollos en branco e cae redondo ao chan, dándoo por morto.

Nunha bolsa que me facilitou o taberneiro leveino ao restaurante dos meus tíos Edelmiro e Corona, de moi grato recordo para min, chamado A Gran Taberna, por se podían aproveitalo.

Como era un día de moito traballo no restaurante a miña tía díxome que o deixara nun pequeno cuarto que ten de almacén; e así o fixen.

Ao día seguinte, tarde, case que á hora de xantar, achégome ao restaurante para saber que fora do polo. Atopo a miña tía que me dí: "Á mañá cedo, inda tiña algo de resaca, que se abaneaba cara aos lados. Logo démoslle algo de comer e agora está  fresco coma unha leituga. O que tiña era unha gran borracheira".

O martes comémolo. Estaba caralludo con certo sabor a viño do Ribeiro, que lle daba un toque especial.

Dende logo aquiles polos xa apuntaban maneiras. Non estaría mal que ás especialidades que comercializa hoxe en día Coren lle engadiran unha nova modalidade probando a emborrachalos con algún dos extraordinarios caldos que hai en Galicia.

Estou seguro de que se pode consegier unha novidosa e espléndida especialidade.

Te puede interesar