Opinión

Luz Pozo Garza, Premio Trasalba 2019

Hoxe sábado estaremos de festa no Pazo Museo Otero Pedrayo. Outorgámoslle o Premio Trasalba 2019 ao exemplo de vida e obra plenas de Luz Pozo Garza. Porque Luz unha das rulas cantoras máis transcendentes que ten hoxe a nosa terra, e unha das poucas persoas que gardan lembranza viva e activa de tempos compartidos coa parella de Ramón e Fita en Trasalba desde a altura que lle outorgan os seus marabillosos 96 anos de vida, 97 dentro duns días. Poucas persoas hai como elas que teñen unha traxectoria tan dilatada e activa no mundo da literatura. Desde o seu primeiro libro, “Ánfora”, publicado en 1948, ao último -que non derradeiro- do ano pasado, “Pazo de Tor”, pasaron setenta anos! Sete décadas publicando, anos plenos de actividade, acertos e derroche de sensiblidade, etc. Ademais de decana e máis excelsa poeta do país, tamén é a autora dun dos máis fermosos poemas dedicados a Otero e Trasalba. Algún día haberá que recoller e publicar xuntas todas as homenaxes líricas a Otero e nela, esta “Consagración de Trasalba” que é como se titula o poema, deberá ser o matriarcal e acolledor frontispicio. Para pronunciar a correspondente laudatio e introducirnos á súa poesía, teremos entre nós a unha das voces máis doutas e interesantes da nova lírica galega, a da poeta e profesora doutora en Teoría da Literatura da Universidade de Santiago, María do Cebreiro. Todo un luxo poder promover este diálogo poético entre dúas voces femininas de dúas xeracións con vivencias e experiencias tan distintas.

Tamén nos alegraremos xuntos porque se lle dedique o Día das Letras Galegas 2020 a don Ricardo Carballo Calero, amigo de Otero e integrante fundacional do Patronato, en 1979, xunto con outras nove personalidades do panorama cultural do momento: Julio Losada, Miguel Anxo Arauxo, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Gerardo Fernández Albor, Luís Seoane, Carlos Baliñas e Andrés Torres Queiruga. Delas, afortunadamente, aínda viven as dúas últimas. Non pasa así coa primeira Xunta de Goberno dese Padroado, da que, desde a morte de meu pai, en decembro, só queda un “resistente”, José Carlos Martínez Pedrayo; os outros xa faleceron: Agustín Sixto Seco, Salvador Rey, María Teresa Cortón, José Lino Vázquez-Monjardín, Manuel Chamoso Lamas, Olga Gallego, Manuel Conde Corbal, Bieito Fernández, Manolo González Somoza e o frade franciscano padre Isorna. 

En fin, a amizade de Otero e Carballo remóntase aos tempos do Seminario -aparecen xuntos na famosa foto da ábsida de Santa María de Pontevedra, en 1928, cando don Ricardo ten á penas 18 anos- e a través dos tempos da ilusión de Nós e do galeguismo republicano onde coinciden activamente, ata os duros tempos posteriores e a admiración mutua que se desprende tanto do tratamento de Otero nos textos ensaísticos de Carballo, como do vizoso epistolario que se intercambian entre 1949 e 1976 e que, agardamos, vexa a luz proximamente.

Dobre alegría pois, hoxe no Pazo de Otero en Trasalba, sen a chuvia do ano pasado, e lugar emblemático, onde, como diría Luz Pozo, “moraron as palabras tutelares no tempo do silencio”, alí onde “na solaina ollaba o patriarca o Coto de Novelle, a luz occidental, a derradeira carta de Daniel, a patria en vela e pronunciaba os nomes que non borrara a morte”. Sempre Luz. Vémonos á tardiña.

Te puede interesar