Opinión

E temos que dicir que chove

A terrible noite do pasado domingo quedará, para sempre, marcada coa intensidade do lume na historia máis escura da nosa terra e o seu triste recordo inundará dunha fonda angustia a memoria dos que presenciamos as desoladoras imaxes que chegaban dende incontables lugares da nosa xeografía asediados polas infames lapas. 

Anacos vermellos de inferno tentaron engulir todo o que atopaban ao seu paso. Montes, aldeas, vilas, cidades.

Do pouco positivo deste día, coma sempre, a xente. A solidariedade de centos de persoas que se achegaron aos focos a axudar na extinción. Ringleiras de héroes e heroínas anónimos/as con caldeiros de plástico, axudando aos heroes cotiáns; bombeiros e brigadistas. Persoal dunha administración que os maltrata sistematicamente e que se xogan a vida en cada lume. Sen medios, con soldos ínfimos e, por riba, aturando que algúns insinúen que son pirómanos afeccionados no tempo libre.

Como é preceptivo, a traxedia provocou unha intensa reacción nas redes sociais. Partidarios do PP defendendo a xestión do goberno e achacando o problema a factores externos incontrolables, e, por outra banda, defensores doutras opcións, esixindo responsabilidades ao ente autonómico e incluso, lembrando a infame imaxe de Feijoo cunha mangueira de xardín e mocasíns durante a igual de terrible vaga do 2006.

Ata aí todo normal. Diferentes puntos de vista. Diferentes modelos. Non creo que sexa atinado simplificar isto co manido “y tú más”. É, como tantos outros, un debate necesario que non se pode obviar.

O preocupante e que xa comeza a ser demasiado habitual, foi o amplo número de persoas que clamaron, non dúbido que coa mellor intención, por unha non politización do problema dos incendios.

Tal vez este discurso lle vaia moi ben á dereita pero tras de si agocha unha estratexia de desprestixio da clase política. “Son todos iguais”. “Só buscan votos”. Son frases recorrentes. E, mentres tanto, gran parte da cidadanía merca esta máxima, os fieis do PP que son lexión votan unha e outra vez en masa sen prantexarse sequera se existe algunha alternativa.

Pois ben, o problema dos incendios si é político. Éo porque a loita contra os incendios é unha competencia da Xunta de Galicia. É político porque a ela se destinan 110 millóns de euros do orzamento autonómico e, visto o resultado, sen demasiado tino. É político porque existen consellerías cheas de persoal elaborando plans e leis para a política forestal que, parece, tampouco deron o froito desexado.

Non procede logo esixir responsabilidades?

Definitivamente, si.  

O PP goberna en Santiago porque así o decidiu democraticamente a meirande parte da cidadanía galega pero non é menos democrático que a oposición fiscalice o seu traballo e pida alternativas cando algo non funciona. A política do lume é un exemplo moi evidente.

 Non se trata de caer na demagoxia e dicir que é fácil, ou negar a existencia dos malditos pirómanos nos nosos montes. Non se trata de negar a seca. Todo elo está aí.

 Pero non é menos certo que hai xa moitos anos que se está a abandoar o rural, que se deixou de traballar en prol dunha posta en valor da inmensa extensión que este ocupa no noso mapa. Non é menos certo que as políticas preventivas deixaron moito que desexar e non é menos certo que a previsión foi nula, como demostra o feito de que moitos brigadistas xa estiveran nas súas casas cos contratos rematados.

 Claro que hai cousas que se poden facer. Novas políticas, novas leis. Do contrario, que nos queda? Encomendarnos a algún santo para que chova cada vez que arda a nosa terra? Eu, persoalmente, negome á resignación.

Te puede interesar