Opinión

Equivóquese vostede que a min dame a risa

Son lexión as persoas que no seu afán por tecer unha eslamiada vida contemplativa dedican parte do seu tempo a criticar a outros por erros cometidos. É indiferente cal sexa a tarefa do errado. Todos somos un pouco árbitros, un chisco políticos, algo adestradores, unha miga periodistas, unha pinga científicos, mestres dabondo.

Por moito que se recalque a vella máxima de que só comete erros quen toma decisións, é moito máis “noso” celebrar congregacións de sabios para destripar as decisións do resto do mundo.

É certo que a historia está ateigada de erros épicos que tiveron unha incidencia determinante en acontecementos que hoxe forman parte substancial dos libros que a recollen. Así sen pensar moito, acoden á mente os de Napoleón ou Hitler acometendo sendas campañas contra Rusia nunhas condicións que, por non seren debidamente valoradas, ocasionaron a derrota de ámbolos dous e o seu conseguinte ocaso.

Quen sabe se o mundo sería absolutamente distinto a como coñecemos se as estratexias bélicas deste par de megalómanos tivesen sido máis atinadas.

Outro caso paradigmático é o desatino arquitectónico que deu lugar a un dos monumentos máis icónicos e visitados de Italia, a torre inclinada de Pisa. Nela un erro de calculo na profundidade dos seus baseamentos fixo que os  55 metros de alto do edificio se vaian caendo aos poucos, máis o menos como os colegas da Gurtel.

Millóns de turistas acoden alí cada ano para facerse unha foto finxindo apoiar a súa man na construcción do desatino.

Pero, por riba de todos, o meu erro favorito é o que cometeu Mike Smith no aninovo de 1962. Ese día en Londres, e exercendo como prestixiado cazatalentos da compañía discográfica Decca, fixo unha audición a catro imberbes mozos chegados dende as beiras do río Mersey.

Tocaron 15 cancións e tras escoitalos, o tal Mike que de seguro que tivo días mellores, decidiu refusalos para contratar a outro grupo da City chamado The Tremeloes, que foron quen de ter un par de aceptables éxitos durante a súa carreira. A razón esgrimida ao manager dos catro ilusionados proxectos de roqueiros foi que os grupos de guitarrazo estaban en decadencia. O manager chamábase Brian Epstein e os rexeitados John, Paul, George e Ringo. 

A perspectiva vantaxosa que da analizar unha decisión despois de 56 anos fai pensar que o desacerto do señor Smith foi de proporcións bíblicas. Unha determinación que os afeccionados á música celebramos xa que ninguén pode garantir que a marabillosa traxectoria do grupo que cambiou para sempre a cultura deste planeta tivera sido a que foi. Certamente produce desacougo pensalo. Sobre todo a Yoko Ono.

Ninguén está libre de errar, incluso países completos. Sirva como exemplo que Mariano Rajoy leve 7 anos como presidente de España ou Trump goberne nos Estados Unidos.

A historia xulgará en que posto da lista de pifias da humanidade se colocan estes feitos. Esta, dende logo, poderíase facer inacabable xa que todo o mundo somos susceptibles de equivocarnos . Perfecto só é un bo amigo ao que, por economizar, todos chamamos Tino. Teño que recoñecer  que incluso eu me teño equivocado algunha vez, creo lembrar que foi alá por 1995...

Te puede interesar