Opinión

Georgie Dann 2.0

Somos dun moderno que abraia. O vertixionoso ritmo ao que progresa a nosa civilización deixaría estupefacto ao mesmísimo Xulio Verne, cuxa excelsa imaxinación non chegou a atinar con tódolos avances tecnolóxicos dos que dispomos hoxe en día supostamente, para facer a nosa vida máis doada.

Aínda que esta última afirmación daría para un longo e enconado debate.

 Hai 30 anos o non vai máis era ser propietario dun reloxo-calculadora Casio, algúns sentían como se gracias a aquel incrible inxenio tiveran un poder sobrenatural. Aínda que tamén é certo que as fotos daquel tempo onde os cánones da moda esixían ombreiras xa di moito da época.

 Agora demos un salto cuántico e vimimo na era dos smartwatch ou reloxos intelixentes, chamados así aínda que haxa que aclarar que un aparello destes, a pesares do seu nome,  nun pulso non intelixente non contribuen a mellorar a capacidade intelectual do seu portador. 

Pois ben, estes cacharros prodixiosos, poden facernos ata unha paella o domingo se fai falla. Controlan os pasos que damos, as nosas ubicacións, as calorías inxeridas ou a nosa axenda. Son a representación dixital da aleación formada por un médico represor deses que na primeira visita xa nos quita todo menos o aire e unha sogra (ou sogro, que ninguén se me enfade) clásicos deses con ínfulas estalinistas.

Temos ao noso redor tantos aparellos que Isaac Asimov pensaría estar no paraíso e non daría feito a recoller material para unha nova e longa xeira de historias. Os robots de cociña darían moito xogo na xenial pluma do ruso-americano.

Tablets, ordeadores, telefonos intelixentes… Estamos tan conectados que a profecía orwelliana de “1984” comeza a parecer unha nota a pé de páxina.

Aínda que cecais o máis preocupante de todo esto é que todos os avances, todo este “puntocerismo” segue servindo, en última instancia, para  o  mesmo fin que a radio con antena prateada de meu pai ou o maletín tocadiscos de miña nai nos anos 70. Para reproducir unha e  outra vez de forma machacona e extenuante a correspondente canción do verán.

Georgie Dann chamase agora Luis Fonsi e a barbacoa faise nestes tempos moi « despasito » o que deixa en resumo que tantos millóns invertidos en investigación, tanto esforzo para empurrar o progreso para que á fin de contas Facebook ou Twitter sexan duas grandes tabernas onde se tratan os temas de toda a vida. Algo de música facilona, unhas cuantas ideas comúns e canto menos complexas mellor e moita, moita mugre.  Ás veces penso que a estas redes que tanto nos enredan só lles falta no seu logo un gran bastón onde apareza grabado algo do tipo “Hoy no se fía. Mañana si”. Está claro que, como en todo hai honrosas excepcións e aínda hai heroes que tentan darlle a todo esto unha utilidade práctica.

Mentres tanto, imaxino a Bill Gates ou Mark Zuckerberg fondamente entristecidos, chorando a mares sobre as súas inxentes moreas de dólares nas súas luxosas mansións. Teñen que ser presas  dunha fonda dor ao comprobar que os seus inventos non sirven para culturizar, para unir, para globalizar. Bueno, igual non sofren tanto pero…

Converterse en duas das persoas máis adiñeiradas do mundo por inventar o Bar Pepe do século XXI ten o seu mérito. 

En fin, o mundo rota e xira pero sempre remata voltando ao mesmo punto. De momento…

Te puede interesar