Opinión

Ibéricos y butifarras

Pois nada, como vexo que case todo o mundo está transmutado en experto en alta política con “máster” no problema catalán, non vou ser eu menos. Voume meter no xardín. Vaia por diante que non comparto as reivindicacións territoriais nacionalistas. Nin as catalanas, nin as españolas. Son socialista por moitas causas, pero unha das principais é a vocación internacionalista desta ideoloxía. Trátase de ir eliminando fronteiras, non de crealas novas. As bandeiras non me producen emoción algunha. Saber que de nacer no mesmo sitio 300 anos antes ou despois tería que defender outra totalmente distinta, éme suficiente argumento.

Iso non quita en absoluto que entenda e respecte aos innumerables pobos que reivindican as súas diferenzas identitarias, as súas particularidades culturais. Todas elas deben ser salvagardadas porque son patrimonio e teñen que ter o seu contexto onde manterse vivas. A súa terra.

Os que me coñecen saben que me sinto orgulloso de ser galego pero que unha parte de mín é catalana tamén. Por que teño que renunciar a sentirme ambas cousas?  Explico isto porque non entendo que a meirande parte da xente que fala ou escribe nos medios, nas redes, nas rúas, teña unha opinión tan radical e innegociable. A favor ou en contra. As máis das veces con poucos datos e análise e cando o hai, feito sobre todo coas vísceras ou o que é peor, co Marca. Un sector da poboación tende a tratar este asunto como un Barça-Madrid. 

Tampouco comprendo moi ben aos que o simplifican reducindoo ao capricho dun pobo que foi hipnotizado por catro burgueses; porque con Franco ou Hitler tamén se votaba. E xa está? Chegados a este punto, obrigamos a 2 millóns de persoas a sentirse o que nos lle digamos? Os nosos sentimentos son fundados e sensatos pero os deles imbuídos dende o engano?

Non é baladí lembrar que hai pouco tempo o independentismo apenas acadaba unha cota do 11% de apoio en Catalunya e hoxe ronda o 50. Responsables? Algo terá que ver que un amplo e rancio sector do partido que goberna en España leve anos azuzando ao pobo catalán. Boicot aos seus productos, torpedeo ao Estatut e a teima en ignorar os sinais que chegaban desde o Mediterráneo para ter contentos aos seus numerosos fieis que desfrutan de entoar o “Cara al sol” á minima ocasión. Á fin, son votiños. Verdade, Mariano?

Por suposto, en Barcelona recae outro tanto de responsabilidade. Un partido antes chamado CiU, asfixiado pola combinación letal de corrupción e recurtes, que aproveitou que o Ter pasa por Girona para buscar un inimigo común co que os cataláns esqueceran eses “pequenos detalles”, o español foi o elixido. Ese ser abominable que “ens roba” e do que só estes adalides da catalanidade e do 3 % poderían salvalos. Á fin son votiños. Verdade, Carles?

E así, neste xogo de medirse na cociña de todos a butifarra co chourizo ibérico por non soltar a asa da pota do poder; foron avivando a chama dun e doutro lado. E agora que o lume xa está descontrolado mandan á fronte a resolvelo a peóns para que se queimen, para que se golpeen nas rúas. Todo por non ser eles quen de facer o seu traballo. Dialogar.

Está claro que a solución pasa polos moitos españois que non desexan a desconexión de Cataluña pero tampouco son nostálxicos de Franco e están dispostos a falar. E tamén polos outros tantos cataláns que só queren que se lles recoñezan dereitos que van máis alá dos acordados hai catro décadas sen acoller en sí inimizade algunha polo resto do país e tamén dispostos ao diálogo. É hora de aparcar o odio. Xa.

Te puede interesar