Opinión

Non apagues o candil que nos suben a "lus"

Quero anunciar que acabo de tomar unha firme determinación. Poderíase dicir, se queren, que vin por fin a luz. Se algunha vez, no futuro, monto unha empresa será, con absoluta certeza, unha eléctrica. O beneficio está garantido. Pase o que pase. Hai poucos negocios no mundo nos que primeiro se poida vender o produto e despois dicirlle ao cliente cal é o prezo que ten que pagar por el. Choio asegurado. Máis aínda cando se trata dun producto de primeira necesidade. 

Estes días así como entre penumbras poidemos enterarnos de que cos primeiros destellos de xeada invernía, o prezo da electricidade subíu coma unha centella ata cotas nunca antes acadadas. 

Pode ser, claro que si, produto do azar pero o que pasa é que un tende a ser desconfiado cando se trata de grandes multinacionais e rebuscando un pouco de información, atopeime con que o anterior pico deste imposto revolucionario foi a finais de xaneiro, en plena onda de frío polar. Ou sexa, xusto no momento de máis demanda, é cando máis subiu o prezo, nun movemento estrano que incluso se anunciou que sería investigado pola fiscalía do Estado. Máis alá desa declaración nunca máis se soubo. 

Igual a investigación debería comezar polo sistema que se emprega para fixar o custo a pagar, que afecta a 11.5 millóns de fogares en España. Son os acollidos ao PVPC. Non, non é un grupo de heavy australiano senon as siglas dun dos eufemismos máis cachondos dos últimos tempos. Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor. Así, neste plan. 

 Como pode supor vostede o de voluntario non quere dicir que cada usuario decida o que quere ou pode pagar senon que segundo nos contan, “o prezo calcúlase cada hora en función das necesidades da oferta e da demanda”. Ou, en román paladín, para que o entendamos todos, acaban cobrando o que lle sae das “vontades” aos directivos das compañías. 

Despois chegan os recibos ao seu fogar e precisa vostede dunha pedra Rossetta para interpretar todos os conceptos que alí se detallan pero o certo é que na meirande parte das casas o consumo eléctrico leva altísimas porcentaxes dos ingresos domésticos. Seguiremos a falar de pobreza enerxética moito tempo. Por desgraza. 

Hai un dato demoledor. O prezo da electricidade subiu un 100 % dende o comezo da crise no ano 2007. Mentres os soldos minguaron ou desapareceron, mercar luz púxose a prezo de luxo asiático. 

Pero hai que pagar. Renunciar á luz, á calefacción non é unha opción. 

O caso é que os balances a presentar a finais de ano resplandezan brillantes e positivos, non vaia ser que tarde en vir o frío e se perdan polo camiño algúns millonciños de beneficio. Concretamente esa suba cualificada polo goberno de excepcional e puntual, supuxo un ingresiño adicional de 4 kilos para as eléctricas. 

Por moito que se empeñe Gayoso, tamén coñecido como o Jordi Hurtado galego , en que apaguemos o candil, ao prezo que se está poñendo esto, vai ser mellor mantelo cerca con mantas abondo para pasar o frío. 

Te puede interesar