Opinión

O derradeiro cotizante

Coidado, debaixo dos seus pés hai unha bomba! Recoméndolle encarecidamente que non se mova demasiado desa reducida baldosa na que está vostede agora mesmo. Se non quere levar un susto, mantéñase dentro desa zona de confort imaxinario na que cre estar a salvo de todo. Que estoupe todo ao seu arredor non é outra cousa que cuestión de tempo. Que o mundo que coñece mude moi pronto parece un camiño inevitable. Pode soar esaxerado pero non é tal.

É evidente que non me refiro a un deses abominables artefactos cargados de pólvora, metralla ou outros elementos químicos e elaborados por desalmados para tentar facer negocio ou co obxectivo de impor pola forza as razóns das que se cren tan en propiedade que seica xustifican matar indiscriminadamente. Tanto ten de que sexa a disputa, relixión ou territorio. Neste caso estou a falar dunha bomba demográfica. De efecto lento pero inexorable. Causa dun estoupido xordo e imparable que está a levar á provincia de Ourense cara a unha triste desertización. Emprendendo un tortuoso camiño cara a nada. Fundido a negro.

Todos oímos falar deso a diario. Chégannos indicios por tódolos lados pero semella como se non fora para nada con nós. É un conto semellante ao do cambio climático. Á fin, que máis ten? Son outros os que van pagar esa conta. Eses que habitan no indómito lugar chamado futuro. Pouco parece importarlle a moitos que vaian ser os nosos fillos e netos.Fai vostede gala dunha frialdade e temperanza que conta con toda a miña admiración se aínda non o fai tremer o feito de habitar na única provincia de España na que hai xa 9 anos que se contan máis pensionistas que cotizantes. De verdade llo digo, se non lle produce pavor que Ourense teña 7.000 perceptores de prestacións máis que afiliados á Seguridade Social que traballan e cotizan para soster o sistema; é vostede, definitivamente, o meu ídolo. Unha mestura de Chuk Norris cruzado con Gary Kasparov. Ben, tamén cabe a posibilidade de que sexa vostede de Castellón. Daquela nada disto lle afecta. De momento.

Para os que somos da Gudiña cara aquí, non está de máis lembrar que a proporción que os expertos consideran ideal para manter en pé o chiringuito é, como mínimo, de dous cotizantes por pensionista. Tanto é así que os primeiros supoñen o 90 % dos ingresos do sistema público que ten a obriga de manter un equilibrio imposible.
As medidas imprescindibles e urxentes para evitar esta detonación moito máis que previsible, pasan por unhas decididas e inequívocas medidas de reequilibrio territorial que nin o Goberno central nin a Xunta de Galicia parecen decididos a acometer.

Igual tampouco vai con eles. E así, a conta atrás non para, como cantaban aqueles suecos melenudos nos anos 80. Pódese imaxinar no futuro unha silueta vagando errante pola terra erma que tempo atrás era coñecida como Terra da Chispa; onde non quedan máis chispas que as que plantan lume nos abandonados montes que antes producían riqueza a esgalla. Canso, temeroso, desesperanzado. 
Algo así como aquel Charlton Heston na mítica película de 1971 “O último home vivo”. O derradeiro cotizante. Un heroe caído. Unha persoa triste e soa nunha terra esquecida e lúgubre. E ao final da escena, un cartel no que se lé : “Non continuará”.

Te puede interesar