Opinión

Prohibir a Loquillo

Mandoume hai uns días o bó amigo Rober de Sobre Rodas, o enlace dunha nova na que se conta como o alcalde da vila toledana de Torrijos elaborou e publicou unha lista cun amplo número de cancións vetadas para a súa reproducción nas festas do pobo; dado que segundo manifestou, incitan á violencia machista.

Na relación, xente como Loquillo, Radio Futura ou unha ampla selección deses perpetradores de cancións que son os reguetoneiros tan de moda nestes malos tempos para a lírica.

O dos Malumas e Romeos podo entendelo sen máis pola súa calidade musical, aínda que é esta unha opinión persoal non compartida por millóns de persoas, entre eles os meus fillos. Un par de bágoas caen pola miña meixela pensando no que escoitan pero gardo a esperanza de que acaben no camiño correcto musicalmente falando. Vou ao tema que me desvío.

No caso de Loquillo, refire unha das súas cancións máis coñecidas, “La mataré” publicada no ano 1987. Nela canta e conta como un acosador obsesionado coa súa parella soña con matala a punta de navalla mentres a bica unha vez máis. 

O seu autor, Sabino Méndez, auténtico xenio creador das mellores composicións do artista badalonés do xeneroso e sempiterno tupé, explicou infinidade de veces que é un intento de denunciar comportamentos de acoso narrando en primeira persoa. Dende a perspectiva dun home maltratador de manual, feble e perigoso e a súa insana relación cunha muller centrada e sensata quen, de feito, abandonao exacerbando así os deleznables sentimentos que reflicte.

Casualmente, esta nova chegoume lendo “El túnel” de Ernesto Sábato, onde un famoso pintor narra o que o levou a asesinar á muller que amaba e a única coa que sentiu un vínculo real na vida.

Inevitablemente pensei en cantos libros, películas ou cancións tratan esta sempre delicada cuestión. Case todos eles cunha intención de crítica social e polo tanto, podendo ser ben empregados, para o que debera priorizarse na sociedade na procura do irrenunciable obxectivo de erradicar esta lacra, a educación, a concienciación. 

Agochar que existen estes problemas prohibindo manifestacións artísticas de calquera índole ten tantas posibilidades de facelos desaparecer como o muro de Trump de acabar coa inmigración. 

Dame moito reparo a facilidade con que algúns conxugan o verbo prohibir. Onde está logo o límite?

Eu e moitos coma min pasamos parte da adolescencia vendo películas de psicópatas como Freddy Krueger ou Norman Bates e nunca nos deu por learnos a machetazos cos veciños. Supoño que porque xa se nos ensinara que non é un comportamento aceptable. Non granxearía amizades no barrio.

Podense prohibir películas como “Te doy mis ojos”, retrato crú dunha historia de maltrato que serve de denuncia para explicar o execrable detes comportamentos.

Podese prohibir a Biblia polas moitas esceas machistas que narra. 

Poden prohibir unha das máis belas cancións nunca escritas, “Ojalá” de Silvio, onde desexa que o seu amor sexa borrado de súpeto por un disparo de Nievi.

Estou case seguro de que todos estes vetos non van facer desaparecer a repulsiva violencia machista. 

Pola contra, penso que o que hai é que poñer “La  mataré” nos colexios e explicarlle a cativos e cativas que xusto eso é o que non se debe facer nin permitir. Ensinarlles a escoitalas mensaxes. Que a violencia nunca é o camiño para resolver nada e que amar é todo o contrario de mancar. Que non deben aturar nunca o mínimo atisbo de abuso por alguén que di querelas. Non son obxectos a posuir. E ante a dúbida, que fagan como a protagonista da canción. Rompe-lo vínculo. Denunciar.

Te puede interesar