Opinión

Sanguengo, Ginzo e el Roblecito

Vaia vicio que estamos a coller ultimamente de rescatar do pozo do esquecemento vellos debates que xa semellaban pechados moito tempo atrás. Está claro que facer arqueoloxía das polémicas é máis sinxelo que desenterrar vítimas que aínda xacen en gabias da nosa xeografía, 80 anos despois da abominable guerra fratricida.

O que vou contar non podía pasar noutro lugar que en Twitter. Alí foi onde a RAE (Real Academia Española da Lingua, aclároo para que non se confunda co colectivo Repetidos Alardes de Estupidez), pendurou un chío certamente curioso. Textualmente rezaba “fuera de usos oficiales, en español se recomienda usar la forma tradicional española del topónimo que es Sanjenjo”. Róncalle o carallo!, digo eu, que tamén é unha expresión tradicional. Ao cabo dun anaco, mudaron Sanjenjo por Sangenjo. Moito mellor, home. Onde vai parar. E iso que se supón que a RAE ten como función velar porque a xente fale con corrección e non inducir a empregar termos non oficiais e cun profundo aroma a rancio.

É necesario lembrar que a Lei de Normalización Lingüística do ano 1983, específica que a forma oficial dos topónimos ten que ser na lingua galega e, polo tanto, o único termo correcto para referirse ao Miami de Galicia é Sanxenxo. Sinto que algunha xente teña problemas para dicilo pero é cuestión de práctica. El show de Shakira sábeo dicir todo o mundo, así que non hai escusas.

Se o que se pretende é saltarnos a oficialidade, a legalidade e volver 40 anos atrás, case sería recomendable empregar nomes de uso aínda máis comúns para referirse a lugares da nosa xeografía. No caso que nos ocupa, aínda se escoita moito dicir Sanguengo, pode valer. Así que, señores da RAE, tomen nota. Non vale establecer un sesgo interesado porque este sexa o sitio de lecer do ex-presidente e este prefira dicilo en “mucho español y muy español”. Esiximos igualdade para todos.

Así que chegados a este punto que propoñan que o meu querido O Carballiño pase a ser El Roblecito porque aos de fora de aquí cóstalles moito e sáelles algo coma “Carbanillo”. Recuperemos Barbadanes e Ramiranes. Ginzo de Limia, Irijo e Pungín evitarían moita problemática coa letra xe.

A ver oh! Que non teñamos que poñernos nós ao choio. Vai ser mellor que nos levemos ben e que nos deixen o noso recuncho onde soltar carallos, conas e rapatundas do estilo. Como nos cabreemos, cambiámoslle o nome ao Escorial e ao Valle de los Caídos nun abrir e pechar de fiadeiro. E xa avisamos que como nos encirren moito, temos un plan infalible na alforxa. Trocámoslle o nome á Estrella Galicia por algo que non dean pronunciado todos os que se perden a magnífica experiencia de falar galego. Como a rebauticemos como Estrela Axóuxere ou algo así, moitos fenecerán de sede nas barras de España tentando facer a comanda, incapaces de pedir outra cervexa.

As xentes de por aquí estaremos axexantes, xa sexa xantando un bo xamón ou vixiando desde a xanela do Padornelo. Xa cho digo.

Nos miramos para el verano entre Sanguengo y Puertonuevo. 

Te puede interesar