Opinión

Teño un problema: falo varias linguas

Levo un tempo fondamente impactado. Teño que recoñecelo, toda a vida estiven totalmente trabucado. A rolda de prensa do outro día de Josep Lluis Trapero, xefe dos Mossos d´Esquadra abriume os ollos sobre a miña imperdoable confusión vital.

Sempre pensei que manexar varios idiomas con certa soltura era un privilexio que permitía comunicarse cun maior número de persoas, basicamente porque entendía eu que é esta a fin para a que se creou e desenvolveu a linguaxe. Pero non, visto o visto, resulta que expresarse en según que linguas é unha eiva deleznable.

Explicome. Resulta que un xornalista que, en teoría, tiña como misión informar sobre a rolda de prensa na que o máximo responsable do dispositivo de seguridade se dispuña a explicar a situación dos terroristas que atemorizaron a Catalunya e nos estremeceron a todos, decidiu tentar convertirse en protagonista e levantouse airado por sentirse agraviado ante o feito de que o axente cometeu a imperdoable afrenta de respostar en catalán a unha pregunta que lle fixeron en catalán! 

A situación aínda é máis surrealista se temos en conta o feito de que o fixera nun lugar onde o catalán é lingua oficial. Bueno, de feito, no único sitio onde o catalán é oficial. Moi exótico todo.
Recoñezo que me pareceu absolutamente xenial a resposta dun home esgotado, sometido a unha presión tremenda dende días atrás e que tivo a elegancia de deixar en evidencia ao pseudoperiodista co seu xa lexendario “bueno, pues molt bé, pues adiós” , elevado á categoría de trending topic polo sanedrín das redes sociais.

Pola miña parte, teño que recoñecer que estas polémicas me parecen tan interesadas e parciais que me producen un certo grao de noxo. Con todo isto aínda non fun capaz de averiguar a que medio representaba o ofendido pero non creo que as sospeitas de moitos vaian desencamiñadas.
 A campaña de desprestixio que algún sectores están a levar a cabo contra todo o que teña un mínimo atisbo de catalanidade é inmensamente desproporcionada e só fai cargar de razóns aos que empregan o falso argumento de que o inimigo para eles é o resto de España. 

Non comparto que se empreguen as desgrazas vividas con fins políticos nin por parte de catalanistas nin por parte de españolistas pero teño que recoñecer que me enerva que se critique a alguén por expresarse con liberdade no idioma que considere oportuno e, máis aínda, cando o mesmo Trapero explica que se lle preguntan en castelán resposta en castelán e se o fan en catalán, pois fai o propio e razoable.

Non deixo de pensar que tería pasado se en vez de ser así, algún xornalista dun medio estranxeiro plantexara unha pregunta en inglés e o aludido respostara na lingua de Shakespeare e dos Beatles. Que acontecería? Nada. Absolutamente nada. Todos os presentes asumirían con normalidade que o lóxico e respectuoso é respostar na lingua na que se inquire. Excepto se é catalán; se é catalán é abominable. 

Eu, ata hoxe, pensei que o feito de saber falar catalán porque meus pais tiveron que ir a buscarse a vida a Barcelona pasando alí os 9 primeiros anos da miña vida, era un luxo. Pero tamén pensei que coñecer e amar o galego facía de min un privilexiado. Engadindo por suposto o castelán no que recibín a meirande parte da miña educación e que me parece unha lingua chea de posibilidades para expresarse e dunha riqueza inabarcable.

Pois ben, se acabo de descubrir que isto é tan nefasto que case roza o pecado xa non me atrevo case a mencionar que chapurreo algo de inglés nivel “camonbeibi”. Unha vergoña. Os 1.200 millóns de angloparlantes que hai no mundo, que aprendan español se queren comunicarse con nos. Que non sexan estrafalarios.

Por certo, vou rematar mentres na miña lista de reproducción soan Sopa de Cabra e Serrat, expresando a miña profunda admiración por todos aqueles que criticaron nas redes o emprego do catalán usando o galego ou, peor aínda, a patadas co diccionario castelán. Coherencia escribese igual en galego, en catalán e en castelán. Outra desvantaxe de coñecelas tres linguas. Que lle imos facer…

Te puede interesar