Opinión

Traxicomedia en Meirás

Non sei quen dixo que a vida é puro teatro pero, en calquer caso, esta aseveración cada día parece máis acorde cumha realidade que teima en escribirse a sí mesma como unha peza teatral en tres actos.

O último escenario onde se desenvolve unha obra que houbera asinado gustoso o paisano Valle Inclán é o Pazo de Meirás, cantado por Siniestro Total e, estas semanas epicentro dun esperpento moi noso con novas delirantes, declaracións grotescas e a aparición de persoaxes que deforman a realidade como acontecía nas Luces de Bohemia que deron inicio a todo un estilo.

Así quedarían os acontecementos sobre as táboas dun teatro :

Acto primeiro: a escea aparece só cunha luz que enfoca a unha herdeira de Franco alardeando dunha propiedade co que foi “agasallado de forma voluntaria polo pobo” o seu ínclito avó no ano 39. Oense risas. Unha sombra lonxana que representa o sentido común pregunta como pode ser que despois de 80 anos a familia do infame militar do Ferrol que tomou o poder polas armas e asasinou directa ou indirectamente a milleiros de persoas siga en posesión de ningún  ben obtido despois de 1936. 

O sentido común fuxe despavorido cando a netísima afirma que vai encargar da administración deste edificio a unha entidade co inequívoco nome de Fundación Francisco Franco.

Os máximos responsables políticos con acento de Santiago e Madrid observan todo, divertidos, dende unhas cadeiras nun lateral da escea, ataviados con caros traxes. Ao seu lado un reloxo de grandes dimensións corre hacia atrás buscando o que para eles foron tempos mellores.

Acto segundo: Un patriota ufano e co brazo dereito en ristre como para chamar un taxi afirma, feliz por ter o seu minutiño de gloria (patria), que aproveitarán para amosar ás visitas a grandeza do Caudillo. 

Mentres tanto os mandamases das cadeiras esixen pasar páxina e esquecer a todos aqueles que claman xustiza polo familiares, aínda hoxe, enterrados en cunetas espallados por todo o país. Loas para o asasino, esquecemento para as víctimas é o seu discurso. Surrealista pero palabra divina para eles.

O sentido común, que se foi alonxando cada vez máis do centro da escea, aparece pendurado dunha soga no medio da escuridade.

Acto terceiro: uns cantos cidadáns reivindican o absurdo da situación, apelan á Lei de Memoria Histórica e incluso propoñen en modo irónico construir un parque temático,  “Francolandia”, con distraccións como a montaña española ou o tiro ao inocente no monte. Por suposto, da seguridade deberían encargarse guardia civís con tricornio e capa.

E cando a situación xa parece non poder degradarse máis, os xerifaltes das corbatas deciden tomar cartas no asunto ante tanto esperpento e levantanse todos ao unísono para berrar “¡¡¡Venezuela¡¡¡”. Menos mal que o sentido común morrera no segundo acto.

E ben seguro que esta historia aínda nos deixará máis frivolidades antes de que caia o telón.

En fin…

Te puede interesar