Opinión

Un pobo sen tendas

Opinión

Un pobo sen tendas

Hai pouco máis dunha semana podíase ler neste xornal que moitos dos comercios da localidade de Verín, pecharon as súas portas por un día e taparon os seus escaparates. Non foi un desplome total dos negocios da vila pero si un aviso. A iniciativa foi promovida pola Asociación de Empresarios de Verín (Aever) co seu presidente José Ángel Rodicio á fronte, un traballador incansable na defensa do seu pobo e do pequeno empresario. El como outros pola provincia adiante, son auténticos quixotes en batalla permanente contra un senfín de inimigos, ben o sabe o meu amigo Julián Garriga, presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño.

O obxectivo da iniciativa non era outro que propiciar un apagón total das rúas da capital de Monterrei. Amosar a todo un pobo como sería o entorno no que fan a súa vida diariamente se desaparecera o comercio tradicional.

Foi un berro desesperado para concienciar á xente, sobre todo á xuventude, do imprescindible da supervivencia dun sector esencial no ADN de calquera pobo ou cidade. Un sector que é un auténtico termómetro co que medir a saúde dun lugar.

A demostración é sinxela de ver, sen a luz e a vida que aportan as tendas de toda a vida, quédannos rúas apagadas, escuras, lúgubres. Quédanos moito emprego estragado e, en definitiva, un golpe case mortal para as economías locais.

Non son eu moi de ser agoreiro pero non é complicado adiviñar o que vén despois. Peche doutros negocios coma os de hostalería, esmorecemento, perda de poboación, empeoramento das infraestruturas, desaparición de industrias, á fin, o deserto ou como moito zonas pantasmas rebautizadas co eufemismo de pobo-dormitorio. Non é un vaticinio gratuito, xa está acontecendo.

A tarefa de reverter esta deriva non é nada doada. Todos temos moito que aportar. Os comerciantes, poñerse no lugar do cliente. Entender como mudaron os hábitos de compra. Analizar friamente e sen prexuízos as razóns polas que a fuga cara ás grandes superficies é masiva. Detalles coma a falta de aparcamentos son recorrentes nas respostas. A amplitude de horarios é un factor fundamental contra o que é díficil competir. Pero aquí podemos comezar a poñer tamén deberes ás administracións que coa liberdade absoluta de horarios provocan a contratación masiva de semi-escravos. A maioría dos empregos xerados nestes monstruos son peor que precarios. Xornadas interminables, noites, fins de semana e todo por uns salarios miserentos, uns meses e que pase o seguinte. Tal vez todos deberamos pensar que, alimentando a eses monstruos, estamos condeando aos nosos fillos a vivir o seu futuro nun mundo laboral no que esa explotación estea normalizada. A administración tamén debe reducir a carga fiscal sobre os pequenos empresarios. Comezar por non sangrar aos autonómos coma se tódolos meses fosen San Martiño, sería un bo comezo.

Pola miña parte, farei todo que o estea na miña man para que no meu pobo siga alumeando a luz das tendas. Saíronme os dentes nunha delas e deixareinos polo camiño se é necesario.

E ti? Apúntaste ou prefires vivir nun lugar eternamente escuro? Só tes que darlle unha oportunidade ao comercio da túa rúa ou do teu pobo antes de ir á gran área esa da música discotequeira. Ou eso ou, cando nos demos conta, só haberá luz no iate de Amancio Ortega.