Opinión

40 anos da nosa FOP

Hai anos nos xornais chamábanlle FOP ás forzas de orde público; en Asturias e Cantabria a FOP é a Fundación del Oso Pardo; pero para a xente do mundo da cultura en Galicia, a FOP é a Fundación Otero Pedrayo, unha das máis veteranas do país. 

E isto é así, porque o día 22 de decembro de 1977, hai corenta anos asinouse, perante notario en Ourense, a constitución da Fundación Otero Pedrayo. As cousa foilles máis ou menos así: Otero, sen fillos nin sobriños directos, decidiu deixar a casa de Trasalba a cultura galega, e para iso, sinalou como herdeira á Editorial Galaxia como “motor” cultural dese momento no que nin existía democracia nin autonomía. Os manuscritos e documentación literaria, irían á Fundación Penzol que en Vigo ía reunindo boa parte da memoria desa xeración, e intimamente ligada a editorial da que Otero, lembremos, era Presidente. Para executar o testamento nomeaba Otero cinco albaceas: Del Riego, Alvaro Gil, García Sabell, Ogando e Severino Pérez. O tema non foi fácil, porque pagar os impostos da transmisión do Pazo era de máis para unha pequena editorial e non sería viable logo sostelo. Así pois, acordaron constituír unha Fundación e un Padroado para xestionar esa vontade. No Padroado inicialmente incluíron á parte dos albaceas, dez institucións (Concellos, deputacións, universidades, etc.) e dez personalidades (Blanco Amor, Seoane, Cunqueiro, Carballo Calero, Carlos Casares, Julio Alonso-Cuevillas, Miguel Anxo Arauxo, e tres que aínda viven: Fernández Albor, Carlos Baliñas e Andrés Torres Queiruga). E como Comisión de Goberno efectiva, nomearon un presidente, Agustín Sixto Seco -plenipotenciario de Galaxia e organizador da operación- e o resto,  xente de Ourense: Vicepresidente Salvador Rey, Secretaria Teresa Cortón, Tesoureiro Xosé Lino Vázquez-Monxardín, conservador Manuel Chamoso Lamas, Bibliotecaria Olga Gallego, e como vogais Manuel Conde Corbal, Bieito Fernández, Manolo Somoza, Jose Isorna e J.C. Martínez Pedrayo. 

Este esquema, adaptándose ás novas realidades políticas e sociais (democracia, autonomia, tricefalia da universidade, etc.)  e ás desaparicións de persoas, continuou durante o período Sixto Seco quen foi o conseguidor máximo, cunha xestión que pivotou moitos anos ao redor de Manolo Somoza e meu pai, Xosé Lino. Neste tempo o triángulo Ourense-Santiago-Vigo turrou da memoria, restaurou a Casa e promoveu moitas actividades, entre elas, as celebracións dos centenarios de Cuevillas e Risco, por ser a única fundación que existía da Xeración Nós, naqueles tempos. A conexión entre a FOP e Galaxia e Penzol foi sempre íntima e enriquecedora. E cando morre Sixto Seco, en 2004, iníciase unha segunda etapa ao ser nomeado Presidente Víctor Freixanes, marcada pola exitosa continuidade das actividades (Premios, Festa, publicacións) e nos últimos anos por unha “economía de resistencia” pois a baixa de subvencións coa crise, facía complicado soster unha propiedade rural tan grande e as actividades culturais e editoriais cotiás. 

En abril deste ano iníciase unha terceira etapa, cando Freixanes pasa á presidencia da RAG, e asume a presidencia da FOP o catedrático de Latín, amigo e fillo de amigo de Otero, e membro da Comisión de Goberno desde as primeiras etapas de Sixto Seco, Juan Luís Saco Cid. O futuro, baixo o seu novo e veterano liderado, vai na liña de mimar esa relación privilexiada co galeguismo histórico representado por Galaxia e Penzol, do que é parte fundamental  e incrementar a ósmose coa sociedade auriense co obxectivo de que no ano 2020, no ano centenario da revista Nós, a Fundación anovada tras corenta anos de existencia,  teña un papel relevante, en correspondencia co tivo Otero no seu tempo. E nesas andamos.

Te puede interesar