Opinión

575, un aniversario noso para o mundo

Pois si. Se cadra cumpría aproveitar a ocasión deste aniversario capicúa e cabalístico 575, e Ourense podería contribuír á paz entre as nacións. Poida que caso non nos fixeran, pero por nós non ía quedar a cousa e así coñecerían o noso bo facer. En fin. Imos cun conto que non é tal, senón pura historia. Todos sabemos que Ourense é un lugar onde as relacións entre as persoas, para ben e para mal, son especiais. Como xa temos comentado nalgunha ocasión, incluso consideramos santo a un mouro escapado da mourería, Mohamede, boa xente, que se refuxiou nas montañas centrais da provincia e na súa lembranza as terras onde viviu chámanse Serra de San Mamede. Pois en abril do ano vindeiro cúmprense os 575 doutra historia, non menos fermosa e que poderiamos aproveitar.

Corría 1442 e daquela señoreaba o país unha nobreza rapineira que medrara á beira dos Trastámara. Para matar a fame de poder enfrontábase coa nobreza tradicional, coa Igrexa e tamén co pobo. A uns trataba de roubarlle rendas e a outros, vacas. En Ourense tiña un nome a familia: os Díaz de Cadórniga. As figuras centrais foron García Díaz de Cadórniga e a súa muller Beatriz. Homes ligados a estes foron os que tiraron co bispo Francisco Alonso, en 1430, ao Pozo Maimón, no río. Morreu o García en 1440, pero quedaron enredando a viúva e o fillo Pedro. E tiñan moitos conflitos co bispo Diego Rapado e co seu recadador de impostos Yudá Perez, xudeu. Se cadra para atacar indirectamente ao bispo, os homes de Pedro e a nai asaltan e destrúen a sinagoga da cidade e rouban as “árbores”; os rolos da Torá ou a Menorá, e cartos efectivos. A sinagoga estaba, aproximadamente, onde está hoxe a panadería Garnier, en Lamas Carbajal, e a cousa foi en abril de 1442.

Pois ben, xa o día 15 dese mesmo mes, o concello reacciona contra Pedro Díaz tomándolle declaración pola destrución do templo dos veciños xudeus e, en paralelo, a Igrexa local excomulga ao autores materiais do ataque e a Pedro Díaz como indutor. Non debe haber moitos casos na historia en que o bispo dunha cidade excomulgue a un nobre por ter inducido a profanación dun templo sagrado doutra fe ou que o concello reaccione rapidamente contra o ataque aos xudeus.

Aínda así, xenerosos, e se cadra temerosos, os xudeus pedironlle levantarlle a excomuñón ao nobre porque non participara directamente nos feitos, pero que se mantivese sobre os que roubaron as “árbores” mentres nos as devolvesen. Roubo sen resolver. De momento. Pero non só cos xudeus era amable o Concello. Poucos anos despois, en 1458, as autoridades municipais fan dúas cartas de veciñanza para que se asenten e amenicen Ourense dous músicos, gaiteiro e tamborileiro, mouros. Serán Gomes e Fernán. Tan integrados estaban que axiña, en 1460, cando os irmandiños locais convocan ao levantamento contra a opresión, piden que “leigos e clérigos, judíos e mouros fosen a derribar o Castelo Ramiro”. E tal fixeron.

En fin, que si. Que fomos bastante un exemplo de convivencia. E podiamos aproveitar que Ourense é unhas das cidades de España con máis documentación sobre os xudeus e as mostras de boa veciñanza. Se cadra era bo completar a rede de xuderías de Galicia na que están Ribadavia e Monforte, con Tui, Ourense e Allariz. Temos historias moi interesantes que contar aos turistas que veñan. E con cartos. Podemos facerlles un sinérxico circuíto histórico-termal-enolóxico. Por exemplo.

Te puede interesar