Opinión

70 anos dun fracaso exitoso

O oximoron, como saben os cultos lectores, é unha figura literaria que consiste en incluír nunha mesma frase dous conceptos antagónicos. Tipo “lume frío” ou “microbio grandísimo”. Así, parte deste titular meu de hoxe -un fracaso exitoso- podería ser considerado tal. Pero xa verán como non, pois ao ser a política cousa rara rara –encántame a construción do superlativo repetindo o adxectivo, como ben ilustrou o doutor Iglesias Puga- ás veces é o contrario do que parece.

Cúmprense estes días 70 anos do nacemento do Consello de Galiza, e hai quen o lembra, co beneficio da néboa do tempo, como a constitución dun goberno galego no exilio. E non é así nin confundindo champiñóns con amanitas muscarias.

Cóntolles. Acababa a II Guerra Mundial e Aguirre, o presidente vasco no exilio, impulsou o pacto con galegos e cataláns para presionar por unha solución federal, logo da hipotética caída de Franco. Como Galicia non tivera goberno autónomo –daquela tampouco no exilio- animou a Castelao a montar algún organismo unitario para falar por Galicia. Así, co asesoramento político-administrativo de Luís Tobío e o traballo do núcleo galeguista de Buenos Aires, logran un éxito na proxección pública e histórica que non se corresponde co escasísimo respaldo político. Nas lexislativas de 1936 elixíronse 53 deputados polas provincias galegas (21 na Coruña, 10 en Lugo, 9 en Ourense e 13 en Pontevedra). Deses, uns 15 apoiaron a insurrección (CEDA, Renovación Española, etc. ) e 38 non. Pois ben, o Consello só deu xuntado a catro deputados destes 38, e iso que por América debían andar un par de ducias. Os catro foran emigrantes antes que exiliados. Dous do PG (Castelao e Suárez Picallo) e dous próximos (Alonso Ríos, Agrario, e Elpidio Villaverde, de IR). A declaración fundacional do Consello imposibilitaba a achega de persoeiros non galeguistas, pois sinalaba: «É xusto que nos conselleiros prime a condición de galegos sobre a disciplina de partidos non galegos a que poidan estar afiliados, porque de non ser así, negaríase a vontade de goberno propio, hipotecando as súas decisións a directrices estrañas.»

O caso é que o Consello de Galiza será tido por moitos centros da colectividade como un organismo superior, e en certo sentido, neutral ante os conflictos intersocietarios, pero será absolutamente ignorado polo galeguismo resistente de Galicia, que non lles recoñece a Castelao e os seus ascendencia ningunha sobre unha situación real da que están afastados. Ademais perderá a súa funcionalidade ó pouco de nacer, pois quedou claro que a caída de Franco non se ía producir, aínda que para intentala os grupos políticos dun exilio desmoralizado, enfrontado e dividido pola derrota, pola distancia, pola consolidación progresiva de Franco no poder e polas dificultades de información sobre o que pasaba no interior, achéganse ou afástanse en función das posibilidades que cren factibles en cada momento (restauración republicana, monarquía democrática modelo británico, etc.). Non foi un goberno senón un soño. Se cadra bonito, pero soño.

Te puede interesar